Vota neanderthal

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

miramemira

Somos moi reacios a entender a ficción como algo práctico

24 ene 2013 . Actualizado a las 13:29 h.

TEATRO: «Decamerón» / «Noites de retranca»

Está estatisticamente comprobado que poñemos máis confianza no goberno que nun actor, o que demostra por que votamos máis veces das que imos ao teatro. Este feito debería servirnos para pensar en serio a posibilidade de resucitar aos Neanderthales. Tiñan más capacidade craneal e iso xa é un motivo de esperanza.

Somos moi reacios a entender a ficción como algo práctico. Como non estamos afeitos a recoñecer os mecanismos dos contos, cada vez que un partido redacta o seu programa electoral cremos que ten algo a ver coa realidade. Pero se tivésemos algo máis de habilidade receptora ou se escoitásemos habitualmente a Quico Cadaval saberíamos que tantas palabras xuntas só poden ser mentira.

Pero non aprendemos nada da literatura, nin sequera da oral, que ten moito mellor cartel. Teríamos que saber que os gobernos menten ao mesmo nivel das súas lecturas e temos que agradecerlle a todos os partidos que lean pouco ou nada porque así quedan ao descuberto con velocidade aeronáutica. Quen non temos perdón somos nós: que temos na man a ferramenta e a deixamos pasar como se fose cousa para distraerse. Deixamos que Cándido Pazó se enrede no Decamerón e deixamos que Federico Pérez explique o feito de sermos unha ración. Deixamos que Cadaval conte calquera cousa sobre de Edipo despois de falarnos do bar da súa nai. Eles fan o esforzo e nós rimos, pero non aproveitamos o billete para unha viaxe máis longa. Para aprender como suceden as historias, como curvan para levarnos a onde queren. A historia do século XX demostra que as cousas non son como son, son como se contan. Pero iso, a estas alturas da vida, é cada vez máis importante recoñecer o mecanismo. Que cho expliquen mentres te divirten e o ignoremos é a demostración de que non sabemos o que nos convén. Cando volvan os neanderthais votarei por eles.

«Decamerón»

Salón Teatro

Días: De xoves a domingo

Horario: 20.30; 18.00 (Dom)

Entradas: 10 euros.

«Noites de retranca»

Teatro Principal

Días: Hoxe

Horario: 20.00

Entradas: 12 e 14 euros.

MÚSICA: THE FLESHTONES | Saca o coche de aí

A industria do automóbil non descansa. Uns días pide unhas axudas ao goberno e outras despide a dez mil traballadores. Cando alguén se desfai do seu coche, e xa non pode adquirir outro, descubre que no fondo do garaxe hai unha guitarra eléctrica que imita unha Fender e que aínda aguanta os tres acordes co que din que está feita toda a música moderna (din moderna pero en realidade queren dicir popular, son ganas de malmeter).

Os tres famosos acordes que levan cargado coa mala fama da música non sei cales son, pero seguindo o criterio da economía capitalista, son os tres elementos máis rendibles a historia da humanidade toda incluíndo á clase obreira chinesa. Rendibles alén da cuestión dineraria.

Unha demostración de que un algo elemental correctamente combinado pode funcionar ben e moito tempo (e non me refiro ao pepinillo no gin tonic, que ten máis pinta de esnobismo) son The Fleshtones. Levan trinta anos dando a matraca e a pesar de que a veces abusan do estampado das camisas nunca abusan da súa audiencia. Veñen bastante por Santiago, o que fai sospeitar que sexa un grupo local ou que esteamos dispostos a adoptalos e prestarlle algún dos miles de garaxes que están quedando baleiros por causa do optimismo valorativo das caixas galegas e da manía dos paisanos por invertir en vivendas.

Cando se decidan a pedir o pasaporte galego comprenderán que é moito máis fácil facerse suízo, mesmo sen ter en conta o habitual de encontrar españois nas oficinas bancarias. Entre tanto, a música dá para facer do garaxe o inicio dunha nova revolta: coller todos os trastos e darlles utilidade comezando a montar barricadas.

Sala Moon

Días: Venres, 25

Horario: 22.00

Entradas: 10 euros en anticipada / 12 en taquilla

Teatro: «LUCES DE BOHEMIA» | Violencia aplicada

Luís Bárcenas sería un mal compañeiro de aventuras para Max Estrella, a pesar de ser un estupendo personaxe para ese culebrón melodramático que é agora mesmo un país que non se aclara se acaba de estar a favor da monarquía federal.

Aínda falta perspectiva para saber se esta España de 2013 é peor que aquela do 98 (do século XIX se entende). A monarquía é a mesma, a desorientación política é similar, a influencia estranxeira segue sendo Alemaña e hai algúns escritores que seguen escribindo igual.

Sería un mal compañeiro porque, tal como se ve, é máis dado a cobrar que a pagar. Pero inventiva non lle falta. Max Estrella era un tipo listo, pero non escolleu ben aos amigos. Non encontrou a un capaz de sufragarlle o talento. Pero Estrella sabía que cando as cousas se poñen como agora hai que comezar a pensar en como funciona a violencia aplicada.

Teatro Principal

Días: Domingo, 27

Horario: 20.00

Entradas: Patio de butacas: 18 euros. Anfiteatro: 15 euros.

Música: 1045 | Non esquezades o asunto do jazz

Hai semanas que esquecemos o jazz. Pero jazz hai case todos os días. Para non perder costume, esta semana toca un trío formado por Iago Mouriño (teclados), Octavio Vargas (baixo) e Miguel Lamas (batería).

O trío está ultimando un novo disco para que non se vos pase esa idea de que no jazz a música non se interpreta, a música sucede.

Café El Puente

Días: Hoxe

Horario: 22.30

Entradas: De balde

E POR PETICIÓN POPULAR (facebook.com/vozsantiago) | MÚSICA: CAFÉ QUIJANO, Tirarse ao xénero

Café Quijano son como a troika: velos chegar e sabes que non pode ser para ben. Nunha etapa anterior andaban por after hours que poderían protagonizar crónicas de Juan Capeáns, deitando polo mundo frases como «soy donante y de placer». Agora, cando é difícil vender ladrillos e dicir que son casas, o trío fixo o que as folclóricas e algúns escritores galegos: tirarse ao xénero. Toucoulle ao bolero, que o mesmo dá para un roto que para Julio Iglesias. Liaron a Armando Manzanero que, máis ou menos, é como se Cañita Brava liara a Rosalía de Castro para un libro. Sentían a necesidade de volver, pero debe ser que nestes tempos non todo o mundo comparte esa carencia. Agora están aquí, como Los Panchos mal comparados, e boto de menos aos Bee Gees. E isto tamén é imperdoable.

Teatro Principal

Días: Sábado, 26

Horario: 20.30