aCentral Folque revive a De Cuéllar

Músicos da Escola Livre da MPG participan no Temple Bar Trad Fest


santiago / la voz

The De Cuellar suite é unha partitura do compositor Michael Rooney sobre o capitán Francisco de Cuéllar, que formou parte da Armada Invencible en 1588 e que naufragou na costa de Irlanda. Daquela viaxe frustrada coa que Felipe II pretendía invadir Inglaterra, De Cuéllar deixou un relato escrito. O vindeiro sábado, aCentral Folque participará na estrea en Dublín da composición. Os once músicos da Escola Livre da Música Popular Galega (MPG), que aCentral Folque xestiona en Santiago, foron invitados ao festival celta de inverno máis importante de Irlanda, o Temple Bar Trad Fest, que se celebra no barrio antigo de Dublín.

Na catedral

Segundo informa aCentral Folque, despois da estrea mundial en Sligo ante máis de oitocentas persoas, e un éxito rotundo o ano pasado no Celtic Fringe Festival, este concerto terá como escenario a Christ Church Cathedral, un templo do século XIII.

O espectáculo inclúe baile, música, narración e o entusiasmo de máis de medio centenar de músicos novos de Irlanda e Galicia que forman a Ceol na Nog Sligeach Orchestra. Na formación mestúranse instrumentistas e voces tradicionais irlandeses e galegos con outros de formación clásica.

A expedición galega conta con percusión tradicional, zanfonas, requintas, voces e gaita, especialidades que se imparten na Escola Livre da Música Popular Galega de aCentral Folque.

Ademais da suite, unha banda de alumnos seleccionados da Escola Livre dará un concerto de música de Galicia hoxe na casa consistorial dublinesa, co que se conmemora a presidencia de Irlanda da Unión Europea neste semestre.

The De Cuellar suite relata musicalmente, entre outros episodios, a saída da Armada desde Lisboa e o seu paso polas costas de A Coruña, a batalla coa flota inglesa, a dispersión da flota de Francisco De Cuéllar polo paso de Calais, a viaxe ao redor de Gran Bretaña e o seu paso por Escocia, así como o encallamento do barco en Sligo, do que o capitán foi un dos poucos sobreviventes.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

aCentral Folque revive a De Cuéllar