O certame regresa a Santiago polo Apóstol cun programa que reivindica de novo a cultura galega
04 jul 2012 . Actualizado a las 11:13 h.Celebrado ininterrompidamente desde o ano 2002, o certame Festigal non faltará, os días 24 e 25, á súa cita en Santiago. O campus sur da Universidade acollerá a undécima edición deste certame que busca consolidarse como símbolo de reivindicación da cultura galega. Se o ano pasado o programa estivo moi vencellado á literatura, neste 2012 a música recobra protagonismo nun espazo de intercambio cultural onde tamén teñen cabida actividades literarias, debates, exposicións, proxeccións audiovisuais, mostras de artesanía e diversión para cativos e familias.
O Festigal arranca o martes 24 cun escenario polo que pasarán, a partir das 23 horas, tres bandas galegas e o único grupo foráneo do cartel, os franceses La Phaze. Esta formación é un dos grandes referentes da música electrónica do país veciño. Antes que eles tocarán en Santiago Ataque Escampe, co seu rock de serie B; Banda Crebinsky, co seu segundo traballo cheo de influencias das músicas galega, balcánica, rusa, francesa e italia; e Zënzar, unha lenda do rock en galego.
O mércores 25 será o turno da banda galego-portuguesa De Outra Margem, que compartirá escenario con aCadaCanto -proxecto no que conflúen os músicos Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero-, Sés e os noieses Terbutalina, cos seus sons a medio camiño entre o rock de garaxe e o punk.
A oferta cultural complétase coa presentación -ao longo das dúas xornadas- de varios libros, que teñen como nexo de unión a cultura e a lingua galega e a celebración de dúas mesas redondas sobre temas de actualidade.
O Festigal tamén programa actividades para os máis pequenos e reserva, o martes 24, un amplo espazo para o audiovisual. Ás 16.00 horas proxectaranse varios cortos de ficción e animación premiados no Festival de Cans. O programa tamén inclúe a coñecida como Feira das Asociacións, un espazo onde daranse cita ata 30 asociacións culturais.
Haberá, asemade, unha Galería Artesanal e diversas zonas nas que poder comprar e probar os productos típicos de Galicia.