Zona C
Días: Sábado
Horario: 22.00
Entradas: 10 euros (8 anticipada)
Lendo os títulos das cancións do novo disco de Unicornibot hai que chegar á conclusión de que é mágoa que non teñan letras. A banda vai a contracorrente porque non sei quen dixo que as cancións sen letra non enganchan.
O grupo aforra as palabras porque o resto todo bótao en darlle voltas á musica. Cando era cativo dicíase que un grupo así, con cancións que non precisaban dunha folla na que foran as letras, era instrumental. Pero naquela época, hai que dicilo, os grupos instrumentais no rock querían ser outra cousa, querían ser orquestras con teclados de seis ou sete quilómetros de longo. Tantos teclados requirían de discos dobres ou triplos e non deixaba de ser tedioso. A outra alternativa instrumental era o jazz. Pero esa é outra historia.
Unicornibot vai máis a golpear e por iso o título do disco é «Dalle!» e as cancións son «Abril-Cerral» ou «Anchoa es Castilla». É unha música que non se entretén na lírica, unha virtude ao cabo. Ten esa circunstancia enerxética e din que é para bailar. Antes de que alguén se decida a prohibilo.