O Ateneo divulga un novo xeito de ver a realidade
24 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O matemático Felipe Gago Couso -santiagués de Viana do Bolo (Ourense), 56 anos e profesor de Álxebra na Universidade de Santiago (USC)- impartiu onte no Ateneo de Santiago unha conferencia sobre A orixe dos números: da necesidade ao misterio na que, entre outras cousas pouco coñecidas, asegurou que «aínda que as matemáticas son entes abstractos, os números poden ser obxecto de utilización moi perversa na realidade social do día a día».
-¿Como é iso de que os números pervirten?
-Ao revés: os números non minten, son entes que viven nas nosas cacholas e tan verdades como as cores ou o mundo físico e mensurable. Refírome á utilización perversa dos números. Historicamente, tanto a linguaxe escrita como os números foron patrimonio exclusivo dunha casta para o seu beneficio e, polo tanto, un sistema de poder para someter ao persoal e que estea caladiño. Agora mesmo tamén sucede este mesmo fenómeno, de maneira que socialmente semella que avanzamos pouco.
-Pero os números son puros, incontaminados...
-As matemáticas e os números son unha creación humana ao longo de moitos séculos, un concepto difícil e profundo que é preciso coñecer para beneficio propio, para non ser enganados tan facilmente na realidade social. Non é só unha vía de coñecemento abstracto que fai modelos teóricos partindo de hipóteses que permiten resolver problemas. Dependendo do contexto social e da vontade persoal, eses problemas teñen solución máis doada ou non.
-Os modelos matemáticos ¿poden aplicarse na realidade social cotiá?
-Iso faise todos os días. Cando falamos do PIB das nacións, de intereses dos xuros, de salarios... estamos a falar de matemáticas aplicadas á vella usanza, é dicir, da utilización perversa das matemáticas que permite a unha minoría de poder utilizar estes coñecementos para o seu beneficio exclusivo.
-Polo que explica vostede, as matemáticas teñen utilidades prácticas máis alá que as de contar números...
-Todas as ciencias procuran o mesmo: un coñecemento empírico, verdadeiro e de aplicación universal. As matemáticas non deixan de ser unha vía específica de coñecemento que opera no ámbito dos números e dos entes abstractos. O coñecemento das matemáticas permite ás persoas ser máis libres.
felipe gago couso profesor de matemáticas na USC