AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ OFRECE, EN «FANTASMAS DE LUZ», UN RETRATO DAS EXCLUSIÓNS SOCIAIS CO MUNDO DO CINE COMO PARTE FUNDAMENTAL DO RELATO
21 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Agustín Fernández Paz colleita, nos últimos tempos, éxitos e recoñecementos literarios que non teño dúbida en valorar como xustos e ben merecidos. O autor podería optar, e sería ben lícito facelo, por volver tripar camiños xa transitados, mais, moi polo contrario, o escritor vilalbés prefire seguir na procura de novas olladas que permitan achegarse a outras perspectivas que permitan visualizar ángulos do noso tempo talvez mal iluminados.
Con todo non é, xustamente, esa a lectura novidosa que cumpriría facer dun elemento axial que percorre a novela como é a homenaxe que se rende ao universo cinematográfico e á súa influencia nas nosas vidas, pois este é un asunto ben presente na nosa tradición literaria desde o Ilustrísima de Casares ata moitas das obras ou poemarios contemporáneos. Mais si o resulta que o cine e as referencias cinematográficas sexan o alento vital que explica a vida de Damián, profesionalmente vinculado ao traballo das antigas salas de proxección para quen a vida pasa polo filtro melancólico das películas visionadas, mais que, dun día para outro, vai verse privado do seu traballo. Ese é o momento no que, parella a unha transformación operada nel e na súa esposa, nace se se quere outra novela, isto é, cédeselle espazo tanto para a reflexión sobre o devalar da relación sentimental coa súa esposa como para retratar as consecuencias da exclusión social derivada dos fortes tentáculos dun neoliberalismo que afoga o mercado do traballo e esnaquiza conquistas sociais dun sopro, adoptando literariamente unha solución extraordinariamente efectiva como é a de se abeirar ao xénero do fantástico, ganduxándose con eficacia nos ámbitos do cotián a través da ensamblaxe co que se conta en dous clásicos de H.?G. Wells levados á pantalla como foron O home invisible e O home sen sombra. E é nesta parte conclusiva onde se percibe certa airexa esperanzadora suxerindo que talvez sexa posible cambiar moitas cousas.
A novela, sen dúbida, encerra o poder de espertar a conciencia cívica á marxe de que estudadamente suxira distintos niveis de lectura pois a proxección da exclusións sociais vai alén das motivadas puramente pola precariedade laboral. Nela, finalmente, entendo como un acerto incluír, a xeito de «tomas extra», un conxunto de relatos que ben achegan novos perfís respecto de personaxes que pasean pola novela ben afondan nalgún asunto só levemente aludido na novela, sen esquecer a presenza dunhas fichas comentadas polo autor que reparan en varias das películas amentadas polo protagonista. Mágoa dun making off que xa sería trazar un círculo perfecto nesta magnífica aliaxe entre cine, vida e literatura, pero iso ben nolo pode relatar o autor noutra ocasión.
Parabéns, abofé, por este novo galano que é Fantasmas de luz: unha nova mostra do indiscutible talento do seu autor que, nesta ocasión, vén de mans dadas coas ilustracións doutro grande como é Miguelanxo Prado.