O século XIX foi a pior etapa, xa que houbo estancamento
21 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Alfonso Iglesias Amorín -santiagués de 28 anos, licenciado en Historia e investigador- é coautor, xunto con Emilio Rodríguez Álvarez, Beatriz Castro Díaz e Mercedes López Mayán (as últimas coordinadoras da edición), do libro Historia de Santiago de Compostela (Vía Láctea Editorial, Santiago, 2012), presentado onte na Facultade de Xeografía e Historia con intervencións do decano, Juan M. Monterroso, o edil santiagués Ángel Currás e a catedrática de Historia Moderna Ofelia Rey Castelao.
-¿Non está dabondo estudada a historia de Santiago?
-Sempre hai datos e achádegos novos que axudan a comprender mellor determinados feitos ou etapas. Unha cidade non é só as súas institucións senón tamén as súas xentes. Afortunadamente, hai xa moitos estudios sobre a cidade que abordan diferentes aspectos, dende os eclesiásticos ao fenómeno das peregrinacións, pero hai moitos menos estudios de conxunto.
-¿Trátase dunha recompilación?
-Dalgún xeito si, é unha recolleita que permite presentar unha máis axustada visión de conxunto da cidade, dende a inventio xacobea na Idade Media ata a actualidade, en que a cidade se converte en capital de Galicia. Ser capital autonómica é clave para a cidade de Santiago, que durante moito tempo foi a máis poboada de Galicia.
-Tamén hai etapas máis escuras, coma o século XIX... ¿non?
-O século XIX e o triunfo do liberalismo deixou á tradicionalista Santiago fóra de xogo, de maneira que nesa etapa viuse reducida a cidade a simple capital xudicial. Foi unha etapa de aberto estancamento e que rematou coa crecente importancia poboacional de A Coruña e Vigo a comezos do século XX.
-¿A seguinte etapa sería a da capitalidade autonómica?
-Pódese interpretar perfectamente así. Dalgún xeito semella que Santiago comeza a recuperar o seu perdido esplendor da Idade Media coa mellora evidente das comunicacións, a ampliación do aeroporto e a chegada do AVE, o que fai albiscar un futuro interesante.
-¿Un futuro interesante neste intre de crise económica?
-A crise non só é económica senón moral ao infundir pesimismo xeralizado. A historia só traballa con feitos ou acontecementos que pasaron. Algúns presaxian o futuro, pero non son adiviño. Santiago terá o futuro que queiran os seus veciños.
alfonso iglesias amorín autor de «historia de santiago»