Nas súas referencias artísticas, supoño que máis sentimentais que formais, están presentes nomes como Laxeiro e Pesqueira. Lamazares sempre volve ás súas raíces.
-Sempre que falo deles, e tamén de Alfonso Fraile, falo dos meus mestres, dos que me axudan e me inician, me espertan a paixón pola pintura, e despois, como é lóxico, nas viaxes que fago polo mundo aparecen Van Gogh, Paul Klee, Tàpies, Millares, Bacon. Aparece toda a historia da pintura porque é a nosa vocación e o noso traballo.
-Non obstante, necesita vivir en Nova York ou en Berlín para traballar. Fai seu o inicio daquel verso de Oroza, «Si te vislumbran, huye».
-A min gustaríame traballar en Galicia, pero polo que sexa aínda non é a hora. Polo de pronto hai que andar polo mundo adiante.
-Seica empezou traballar cos cartóns porque non tiña cartos para comprar lenzos.
-Iso é curioso porque cando Laxeiro decidiu axudarme (porque nun principio él opinaba que eu tiña que dedicarme a escribir e deixarme de pintar, que iso era un oficio moi difícil) foi a Macarrón en Madrid e comproume unhos colores da marca Zuloaga, lenzos, pinceis de marta? Pero moi pronto dinme conta de que os meu materiais eran outros. Son esas visións que tes, e adeus aos lenzos de marca e aos pinceis de marta. O meu era o cartón e as pinturas industriais. Entendín que os cimentos da miña obra era un traballo directo e próximo, o máis inocente posible.
-Dende aqueles comezos expresionistas (recordo agora as series «Xanelas», «Selos», «Lerias» ou «Ferradas») ata esta de «Domus omnia» hai un percorrido de máis de trinta anos. Corríxame se me equivoco, pero dá a impresión de que a medida que avanzaba na súa traxectoria a pintura íase facendo máis lírica, quizais tamén menos pendencieira e máis poética.
-Creo que dis moi ben. Isto é un largo proceso, e abrir a alma, abrir o corazón non é fácil. O que teño claro é que quero afondar na miña horta e desde logo está claro que a vida ten alegrías que hai que cantalas.