«Polo seu valor simbólico, a perda do Códice é enorme»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Coordina a historia das mulleres galegas, proxecto pioneiro en Europa

28 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A profesora Ofelia Rey recebe o premio autonómico María Josefa Wonemburger Planells, como recoñecemento a 33 anos de investigación. Dedicou esforzos a moitos asuntos. O preferido é «o da revolución que supuxo a imprenta. Resulta apaixonante para min, que tiven o primeiro ordenador en 1984, ser testemuña agora da invención da informática, que acelera a información. Aínda que penso que o libro non morrerá por ser, como alguén dixo, o obxecto perfecto».

-É especialista no culto xacobeo, ¿que significa a desaparición do «Códice Calixtino»?

-Tiven a fortuna do contacto directo co Códice Calixtino, pois traballei no Arquivo da Catedral 4 anos para facer a Tese de Doutoramento e organicei parte do seu fondo. O seu persoal é cualificadísimo, ben que o coñezo porque estudaron e investigaron na Facultade. O do Códice foi un accidente moi desgraciado. Non está perdido de todo, porque se encontra dixitalizado e hai reproducións en facsímile que permiten o traballo dos investigadores. É polo seu gran valor material e simbólico, moi forte, o que fai que esta perda sexa tan enorme. Aínda que estou confiada de que aparecerá.

-¿Estaba ben gardado?

-Si, estou totalmente convencida. A caixa de seguridade da Catedral non se podía abrir con facilidade; e o sistema de bloqueo dentro da Catedral funciona ben.