Son xa dezasete os programas que leva en antena Xiz, a aposta de V Televisión pola aprendizaxe entendida como xogo en familia. Dende os seus fogares, os espectadores galegos tiveron a ocasión de seguir dende o 21 de marzo o avance dos colexios de toda Galicia participantes nesta aventura ante as cámaras que acadará o final da primeira quenda o vindeiro 3 de maio. Nesa data saberase xa cales son os 32 centros galegos (oito de cada provincia) que disputarán os dezaseisavos de final. Se a proba das Enleadas resulta decisiva no programa, ao poñer en xogo 290 puntos, espringuillarse revélase como o deporte con máis tirón entre os rapaces, que se decantan especialmente pola proba na que deben xerar enerxía pedaleando o máis rápido posible nunha bici estática. En Xiz, o saber é puro movemento.