«O Concello de Santiago non nos valora o suficiente»

Patricia Cotón SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

O grupo de teatro afeccionado Ditea recibiu unha homenaxe polos seus cincuenta anos de historia

29 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Alberto Álvarez é o director do Teatro de Cámara Ditea de Santiago, un grupo de teatro de afeccionados pioneiro na dramaturxia galega que acaba de recibir unha homenaxe en Ribadavia con motivo do seu 50 aniversario

-¿Que significou para Ditea este recoñecemento ao seu traballo?

-Foi toda unha sorpresa. Esta cidade é onde nace o espírito Abrente, as mostras de teatro en galego, e onde está a Mostra Internacional de Teatro, polo que ten un significado especial.

-¿Como se desenvolveu o acto?

-Fíxose unha mesa redonda con importantes representantes do mundo do teatro e co concelleiro de cultura de Ribadavia. Entre todos falamos da historia de Ditea, da relación coa Fundación Abrente, das obras e de todo o que implica o noso grupo de teatro.

-¿Encárganse da escenografía e do vestiario das súas obras?

-Si, facémolo todo. Temos moi boas modistas e tamén escenógrafos que compran os materiais necesarios para construír o decorado. Temos un patrimonio en vestiario bastante elevado, con traxes de todas as épocas e estilos, pero ás veces si que hai que facer algunha prenda.

-¿E como financian todo iso, cales son os seus ingresos?

-Os ingresos sácanse dos cachés que se cobran nos espectáculos, e así facemos fronte ao aluguer do local, da furgoneta para desprazarnos, o material, o vestiario e todo o necesario para facer a obra.

-¿E non contan con ningún tipo de subvención?

-Non, cando morreu o fundador, Agustín Magán, parece que Ditea deixou de existir para o Concello de Santiago e deixaron de darnos subvencións. Incluso coa Xunta, coa que tiñamos un convenio, botouno todo abaixo. Actualmente entramos nunha convocatoria para a concesión dunha axuda, que de ser concedida serían 2.000 euros, pero aínda non se sabe.

-O grupo tiña un espazo reservado en Bonaval, pero tiveron que deixalo e agora ensaian nun local da rúa do Pombal, ¿por que ocorreu isto?

-Tiñamos unha concesión pola que o Concello cedíanos este espazo por 99 anos, e foi eliminada. A Xunta e o Concello decidiron dedicar ese espazo a outra actividade e botounos de alí case a patadas. Daquela os políticos prometeron seguir pagando o aluguer do novo local, que eran 6.000 euros ao ano, pero ao morrer Magán e outros directivos que fixeran este pacto, os políticos lavaron as mans e Ditea quedou colgada. Agora temos un aluguer de 8.000 euros anuais e hai meses que ata temos que pór do noso propio peto.

-¿Cre que Ditea non está o suficientemente valorada en Santiago?

-Creo que está máis valorada fóra que aquí. Moitas veces dise que un recibe as homenaxes fóra do seu lugar e que na casa non o valoran como deberían, e no noso caso é certo.