As derrotas de Conde Roa

Marta Álvarez-Santullano

SANTIAGO

11 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Estimado Gerardo: leo a túa Tribuna nos medios de comunicación e non podo expresar asombro fronte ás túas manifestacións na liña que é habitual desde o mesmo día da túa toma de posesión como voceiro da oposición. A túa asombrosa capacidade para manipular a realidade queda de manifesto nos argumentos empregados. Sabes pola túa experiencia nos parlamentos de Galicia e de España que os regulamentos non son unha invención da corporación municipal de Santiago, e sabes que nos debates do estado da autonomía e do estado da nación, os presidentes teñen tempo ilimitado nas súas exposicións e pechan os debates. Sabes que o resto dos grupos teñen tempos limitados e intervencións reguladas. O teu interese en perder o tempo e enredar con esta cuestión só denota a túa incapacidade para achegar ideas e argumentos construtivos en beneficio da cidade. Logo de dispor de 15 días para a súa preparación, esa incapacidade quedou patente na túa intervención no debate do estado do municipio, onde só escoitamos lugares comúns fronte á contundencia dos argumentos e proxectos do alcalde. Se cunha tribuna nos medios pretendes lavar a mala imaxe, eu convido aos lectores a ler o discurso do alcalde e a visionar o debate completo, que nos próximos días estarán na web do Concello.

A pretendida mordaza que dis sufrir agocha a túa incapacidade para presentar alternativas. No debate nin fuches quen de responder á miña pregunta sobre que obras ou actuacións suprimirías ou farías distintas. Os insultos, as descualificacións e a manipulación son os teus instrumentos políticos. E dis ben, en doce anos de goberno de Xosé Sánchez Bugallo, a cidade nunca presenciou espectáculos teatrais como os que ti montas nos plenos. Só a infinita paciencia do alcalde demorou unha expulsión que viñas pedindo sesión tras sesión co teu comportamento antidemocrático. A opinión pública coñece a capacidade de Sánchez Bugallo para exercer de alcalde de todos os cidadáns e do seu talante conciliador, non necesita xustificación. Pero a opinión pública debe saber que o PP non foi afastado do pleno, senón o seu voceiro, que no lugar de agardar ao punto 15 da orde día para debatelo, buscou a foto no comezo da sesión creando polémica, rompendo a orde, diante da posibilidade de que os medios non estiveran presentes máis tarde. Non quero pensar que tamén carecías de argumentos nesta ocasión.

No que respecta á transparencia, ti sabes que o informe que elabora a oenegué Transparencia Internacional España sitúa ao goberno municipal de Santiago á cabeza dos concellos galegos e no número 15 dos de España no índice de transparencia. O Concello de Santiago recibe unha puntuación de transparencia global de 88,8 puntos sobre 100. Faltas á verdade cando afirmas que existen atrancos para ter acceso aos documentos e sabes que o noso Concello é o único de Galicia no que a oposición participa nas mesas de contratación e ten acceso aos expedientes da Xunta de Goberno aos dous días da súa celebración. Gustaríame, estimado Gerardo, que me contestaras en que concellos do PP fan o mesmo.

Na túa Tribuna hai argumentos que te traizoan. A parcela persoal do alcalde nunca foi a construción nin a promoción urbanística. ¿Podes ti dicir o mesmo ao tempo que desempeñas cargos políticos? O alcalde manifestou no pleno a súa vontade e a percepción de volver ser candidato. ¿Quen senón ti amosa desesperación ante a posibilidade de non ser candidato? Onde quedou a dimisión que anunciaches como parlamentario para dedicar todo o teu tempo ao Concello? Unha vez máis, a túa Tribuna, estimado Gerardo, amósase como un berro desesperado fronte as derrotas que ti mesmo te causas.