A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) sumouse ao programa da Semana da Ciencia coa presentación dun cómic divulgativo, Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas? , escrito e debuxado pola autora ourensá Idoia de Luxán, que se presentou onte na Facultade de Bioloxía. O coordinador do proxecto e técnico do CEER, Fran García Quiroga, explica que o baixo interese da poboación pola ciencia, arredor dun 15%, fai necesarias accións como esta obra.
-¿O cómic é a maneira de chegar a xente máis nova?
-Pensamos que si, á xente de 15 a 24 años, porque se hai que buscar formas de achegarse a este sector ten que ser conectando co seu mundo, no que o consumo decántanse polo cómic, os videoxogos e os concertos.
-¿En que incide esta historieta?
-A protagonista, Mariña, é unha moza moderna, lonxe do estereotipo da rata de laboratorio, porque un dos eixos do proxecto é divulgar o papel da muller como científica. Ten outros dous, que son a teoría evolucionista de Darwin, e amosar que a carreira científica é atraínte profesionalmente.
-¿Non está superado todo iso?
-Non se pode dar nada por suposto, e un cómic cun certo rigor científico é a mellor vía, para axudar a vencer prexuízos e estereotipos
-¿Como o van distribuír?
-Os 3.000 exemplares de tirada van ir a institutos e bibliotecas, e pódese descargar na nosa web: www.fceer.org