Nenos e avós bailaron as buxainas

Alexandra Moledo

SANTIAGO

Os santiagueses festexaron o Día do Peón xogando aos trompos na Alameda

12 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Polo San Martiño, peóns ao camiño , era o lema da actividade que convocou a decenas de escolares e maiores onte no Paseo da Alameda compostelá para bailar os seus trompos.

Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, coa colaboración da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela e a Concellería de Cultura, organizaron en Santiago o acto central da quinta edición do Día do Peón. Pequenos e maiores desfrutaron dunha xornada chea de actividades. Os rapaces estaban encantados facendo xirar as súas buxainas e aprendendo trucos do malabarista Joaquín Formoso.

Os asistentes tamén puideron ver unha exposición de traballos realizados polo alumnado de varios centros escolares ou como o artesán noiés Francisco Martínez construía buxainas cun torno.

Algúns maiores que se achegaron á Alameda coincidiron en que esta tradición estase perdendo porque os rapaces prefiren os videoxogos. Rogelio Seoane, de 72 anos lembra que de pequeno pasaba horas facendo xirar os trompos e agora ensínalle este xogo á súa neta.

Ás doce da mañá, todos pararon de xogar para escoitar á concelleira de Cultura, Socorro García e o pregón de Suso de Toro, Tira polo cordel . O escritor lembrou que bailaba o peón nesa Alameda. Despois, todos entoaron o himno Fago o Camiño do grupo Ourensóns e seguiron desfrutando das actividades.

Os organizadores quedaron satisfeitos coa acollida, pero notaron pouca presenza de xente maior. Para o presidente da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela, Mario Rodríguez, hai que recuperar esta tradición fomentándoa desde os centros educativos.

O vicepresidente de Brinquedia, Xabier López, espera que con esta iniciativa se recupere o xogo do peón entre os cativos.