Eu entendo que haxa xente que vaia ao cine o primeiro día das festas do Apóstolo. Un dos termómetros para ter referencia do momento que vive un ou unha cantante melódica é saber se pasa por Luar. Se canta no programa da Televisión de Galicia é que lle falta menos para a xubilación. Hai que esperar que o tempo acompañe este fin de semana como merecen as festas da cidade. Que acompañe quere dicir, por se aínda quedan mal pensados, que faga o mesmo tempo que no resto do mes de xullo e con tal motivo a xente vaia ao cine ou a escoitar jazz en calquera das súas versións ou quede na casa a ler. Calquera cousa que deixe ao primeiro concerto das festas grandes de Santiago na ignorancia. Teño que supoñer que unha das vantaxes deste concerto é que resulta económico e os tempos non están para dispendios. Pero me desgusta pensar que os cartos que pago cando a grúa caza o meu coche son para financiar cousas como estas.