O Auditorio de Galicia rexistrou onte un cheo absoluto con motivo da segunda das estreas en Galicia dunha ópera de Haendel en versión concerto no marco da programación do festival Via Stellae. Tras o éxito acadado pola ópera Ariodante , baixo a dirección de Federico Maria Sardelli, onte tocáballe a quenda á que está considerada a ópera máis fermosa do compositor alemán: a grandiosa Julio César . O concerto presentaba moitos alicientes para os afeccionados á boa música como para perdelo: unha das mellores orquestras do mundo pola brilantez e enerxía das súas interpretacións, como é a Orchestra of the Age of Enlightenment, que se presentaba por vez primeira en Via Stellae, e un extraordinario elenco de cantantes encabezadas polas italianas Roberta Invernizzi e Romina Basso. Foron tres horas longas dun concerto que fixo as ledicias do público, entre o que se atopaba o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral de Cultura, Francisco López Barxas.