«Un 32% dos gastos de comida é para restaurantes»

SANTIAGO

Xantar fóra da casa xa non significa alimentarse mal. A tapería Bokados ofrece un menú saudable cada semana

05 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Moitos son os que asocian ir a restaurantes con comer moito e de xeito pouco equilibrado. Porén, non ter tempo para cociñar por mor do traballo xa non é escusa para estar mal alimentado. Avalada polo premio do público o pasado ano no concurso Santiago(é)Tapas, a tapería Bokados ofrece un menú saudable que cambia cada semana. Iso si, polo de agora, só poden acceder a el os socios do ximnasio Espagat.

-¿Como é iso dun menú saudable?

-Está baseado en verduras, froita, legumes e auga. Hai tres primeiros pratos e tres segundos para escoller. De sobremesa só ofrecemos froita ou iogur, porque non pode ser que despois de comer de xeito saudable caiamos na tentación de tomar unha torta ou un xeado, sería como non facer nada.

-A iniciativa partiu do ximnasio Espagat para os seus socios. ¿Quen deseña os menús?

-Deseñámolos o cociñeiro e máis eu. Só levamos un par de semanas coa iniciativa pero xa estamos investigando en novos pratos saudables, como poden ser os de tipo vexetariano. Polo de agora é só para socios, que pagan 7,50 euros, pero pensamos en amplialo ao resto de clientes modificando o prezo. De todos os xeitos, tamén temos un menú do día que cambia todos os días.

-Pero ese non será saudable.

-De primeiro sempre ofrecemos cremas ou ensaladas, pero si que é verdade que os segundos levan mollo, e ademais como sobremesa si que hai a opción de tomar torta ou xeado. Este custa dez euros, pero os segundos, por exemplo, podemos cambialos e no canto de facer peixe fritido ou con mollo, podémolo facer á prancha, ou as patacas cocidas.

-Se cambia cada semana, os que veñen todos os días repiten.

-Non, porque hai opción de combinar as distintas opcións do menú e variar cada día.

-Esta iniciativa leva en marcha só un par de semanas. ¿Hai xa adictos á comida saudable?

-É certo que levamos moi pouco tempo e que estas cousas tardan en coñecerse, pero cada vez está vindo máis xente a probar o menú. De feito, hai xente que xa repite. É un menú completo e está indicado para persoas que polo traballo comen fóra de casa ou que aproveitan a hora de xantar para ir ao ximnasio. O 32% do que gastamos en alimentación está dedicado aos restaurantes, e se aínda por riba comes mal, é tirar cos cartos.

­-Supoño que a crise tamén fai que a xente decida facer por xantar na casa.

-Si, si que se nota que hai menos xente que a cotío come nos restaurantes. Pero por exemplo, ademais do menú do día de 10 euros e este saudable, ofrecemos os martes un menú anticrise que só custa 7,85 euros. Tamén levamos adiante unha iniciativa que está a ter moito éxito. Temos uns bonos e por cada dez menús que se consuman, damos un gratis. A iso si que se apunta a xente, porque aos poucos vai gastando e de súpeto un día comen gratis.