«Andar en bici é calidade de vida»

SANTIAGO

Hai alomenos dez anos que un profesor de Ames usa este medio de transporte, combinado co tren, nos seus desplazamentos diarios ata o instituto de Padrón

13 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Fillo e neto de ferroviarios, Alberte de Esteban Gracia, profesor de Lingua e Literatura galegas no IES Macías O Namorado de Padrón dende hai 20 anos, leva unha década acudindo a diario ao centro en bicicleta pese a que a boa parte do traxecto dende a súa casa, no concello de Ames, a 20 quilómetros de distancia, discorre pola estrada N-550.

Alberte leva o tren na sangue, pero tamén a bicicleta. Combina ámbolos dous medios nos seus desprazamentos diarios de modo que o coche -o «carro», como lle chama el- é secundario na súa vida mentres que para a maior parte dos mortais é imprescindible. Hai arredor de 15 anos que comezou, «timidamente», a usar a bici como medio de transporte para ir ao instituto de Padrón, despois de que sacaran un autobús que usaban os profesores.

Alberte, que ten 58 anos, reside na aldea de A Moniña, na parroquia de Biduido, en Ames, e cada día lectivo colle a bici para, tras alcanzar o núcleo de Osebe, meterse na N-550 ata Padrón, circulando polo arcén para chegar ao centro educativo preto dunha hora despois. «Hai moitísimo tráfico pero, en xeral, os condutores respéctanme bastante. Levo toda a vida na bici e hai 30 anos non era así».

Para Alberte, andar en bici é «unha marabilla increíble», mesmo unha «filosofía de vida» que se sustenta no «respecto máximo ao medioambiente», no «contacto coa natureza», en disfrutar da paisaxe, de cada desprazamento, facer amigos e, en fin, «unha calidade de vida a que moitos renuncian por estar atados de pes e mans a un carro». Tanto é así que lle ten dito aos seus amigos que cando o vexan pedaleando nunha estrada «me piten e así sei que me coñecen e establecemos unha relación».

Xunto coa bici, o tren é o outro medio de transporte que usa a miúdo Alberte aínda que os recortes horarios rexistrados na estación de Padrón xa o privaron dalgunha viaxe, sobre todo á hora de voltar a casa. Deste xeito, habitualmente Alberte deixa o instituto e desprázase en bici ata a estación padronesa para coller o servizo ferroviario das 14.30 horas e faino pese a que os trens non teñen «un sistema cómodo e práctico para levar a bici» que, a miúdo, cae no vagón no que poden ir, o primeiro ou o último. No desprazamento dende Ames a Padrón, o «peor tramo» para Alberte é, sen dúbida, o que transcorre por A Escravitude xa que nese punto a estrada nacional non está dotada de arcén polo que «o medo e a preocupación é maior».

Tamén sen dudalo, asegura que a peor parte de moverse en bici é o «frío», que en inverno combate con tres pares de luvas nas mans. «No resto do corpo, o frío pasa xa ao pedalear». En canto a choiva, Alberte di que «cada vez chove menos en Galicia». A pesares do frío e a choiva, afirma que «penso seguir movéndome en bici porque cada día que veño ao centro é un disfrute e porque me mantén ben a nivel de saúde». Tamén, quizais, porque como lembra Alberte, herdou tres cousas dos seus pais: «as ideas anarquistas, o tren e a bici». E os seus fillos van camiño de continuar.