A partir de onte púxose en marcha en Negreira unha campaña informativa e preventiva sobre as consecuencias do consumo abusivo de drogas e alcohol entre a poboación xuvenil usuaria do servizo de desprazamento nocturno Noitebús, que no concello negreirés desprázase a Santiago os venres, e os sábados á movida de Santa Comba. Tentarase repartir información que axude a reducir o consumo experimental de certas drogas entre adolescentes de 12 a 18 anos; retardar o inicio ao consumo entre usuarios do Noitebús de 13 a 29 anos e sobre todo reducir o número de bebedores abusivos, así como modificar actitudes de mozos e adolescentes de cara ás drogas. Para que o programa teña éxito e se sinta como algo cercano, buscáronse mediadores afíns en idade para que sexan os encargados de chegar aos mozos e mozas que usan de xeito habitual, ou esporádico, o servizo de transporte aos lugares de movida de moda. Estes mediadores recibiron unha formación básica sobre o programa de prevención e os seus obxectivos por parte da coordinación dos Servizos Sociais de Negreira. Os obxectivos últimos da posta en marcha destes programas dende o departamento de Servizos Sociais de Negreira é incidir na redución do consumo de drogas, tanto legais coma ilegais, entre a mocidade e poboación en xeral e, no último caso, retardar ao máximo posible a idade de iniciación no consumo de drogas entre mozos e adolescentes de 12 a 14 anos. Precisamente con este fin estase a levar adiante un completo programa de prevención conxuntamente cos concellos de Ames e Brión, sobre todo nos colexios.