«O dos centros comerciais é unha barbaridade»

SANTIAGO

O representante do comercio é optimista e cre que a situación de crise comezará a remitir antes do verán

14 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A sombra da crise é alongada. Porén, José Oreiro, presidente da asociación de comerciantes de Compostela Acotes, é cauto á hora de falar deste tema. E é que di que o sector minorista na capital de Galicia está «preocupado pero non alarmado». Agora, haberá que agardar a ver como se desenvolve a campaña de Nadal para coñecer o alcance real da conxuntura económica.

-¿Cómo se presenta a campaña de Nadal?

-Confiamos en que vaia ben. Por lóxica, van diminuír as vendas, non no seu volume, senón nos cartos que vai deixar a xente á hora de mercar. Os sectores máis prexudicados poderán ser o do xoguete, o téxtil e o calzado. Sobre todo van ter problemas as tendas de regalos que son caros, como as xoierías.

-¿En canto se pode cifrar o descenso de vendas?

-Agora mesmo estamos nun 30%. Hai que pensar que novembro é un dos meses malos para o comercio, porque a xente ven das vacacións de verán e dos gastos da volta ao cole e está xa aforrando para todos os gastos que hai que facer no Nadal. Podemos dicir que para nós hai meses moi malos, sobre todo novembro e febreiro, que é cando se ven prexudicada ata a hostalería, porque a xente deixa de ir comer fóra.

-¿Veñen tempos duros para o comercio tradicional coa apertura dos centros comerciais de Novo Milladoiro e As Cancelas?

-Moito. É unha barbaridade, porque despois de que se abran esas dúas superficies comerciais, Galicia será a a comunidade autónoma con maior número de centros de este tipo, o que é unha loucura. A Consellería de Industria dicía que ía paralizar isto pero ao final nada. E aínda estamos agardando a que se reforme a lei do comercio, que leva anquilosada moitísimo tempo.

-¿Afectará só aos comerciantes do centro da cidade?

-Quen vai saír máis prexudicado vai ser Área Central. O destes centros comerciais vai ser abrir uns para pechar outros. Ademais está o comercio dos concellos limítrofes con Compostela, porque os de Santiago van seguir indo mercar aos sitios de sempre, pero os minoristas dos arredores vanse ver moi afectados.

-¿Que hai daquilo de que os comercios tradicionais poderían abrir tendas en As Cancelas?

-Diso xa non queda nada. Cando comezou o proxecto desta superficie deuse esa solución, pero ao final quedou claro que foi todo especulación.

-¿A crise vai ir a máis?

-Os comerciantes están esperanzados. Temos confianza plena en que isto vai remontar despois das eleccións, nun horizonte de seis ou oito meses, porque se están facendo as cousas ben e porque se está investindo como nunca en cousas importantes como infraestruturas e vivenda. Ademais estanse a tomar medidas que apoian ao tecido produtivo.

-Parece que son moi optimistas.

-É que a Santiago a crise vaille afectar menos que a outras cidades, sobre todo porque é unha cidade de servizos: a Xunta, os hospitais, a Universidade, están aquí. Son todo empresas públicas e os seus traballadores non van perder o seu posto, polo que a clase media vaise manter.