«A obra de Granell é abondo complexa para ter visións diferentes dela»

C. P.

SANTIAGO

Entre as obrigas da Fundación Eugenio Granell está a de montar cada ano e medio ou dous unha exposición cos fondos da súa obra, a parte doutras temporais con pezas que non pertencen á entidade que vela e difunde o legado do artista. A que se acaba de estrear e que estará aberta todo o 2009, Místicos encontros e achados plásticos na obra de Granell , está comisariada por Montse Cea, directora adxunta da fundación, e pola súa filla e directora, Natalia Fernández, que fan confluír criterios que enriquecen e complementan a visión desta montaxe.

-¿Como é posible ofrecer ao público visións diferentes dun fondo artístico limitado, aínda que amplo?

-A obra de Eugenio Granell é o suficientemente complexa para ter visións diferentes dela. E tamén é importante abordar o traballo dende formacións e perspectivas diferentes, no meu caso dende a arte contemporánea.

-¿Cantas obras hai nesta mostra?

-Son 44 óleos, debuxos, construcións e outras pezas, e algunhas pouco coñecidas que estaban en Madrid.

-¿Como explica o tema?

-O encontro é unha das ideas fundamentais do movemento surrealista, e na obra de Granell é moi relevante. Dividimos as obras pola influencia nel dos encontros con América; con tres personaxes fundamentais para el como Picasso, Bretón e Duchamp; coa súa muller, Amparo Segarra; co mar e con personaxes asociados a feitos transcendentais.