Patrocinado porPatrocinado por

«Falta auga no río e falta todo»

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PESCA Y MARISQUEO

MERCE ARES

En directo | Os comezos da pesca da lamprea no Ulla ao seu paso por Padrón As pesqueiras de Areas, en Herbón, son as primeiras do concello abertas ás capturas que, polo de agora, suman pouco máis de dúas ducias debido a que o cauce fluvial «vai coma no vran».

25 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«Falta auga, falta todo». Así de sinxela é a resposta que dan os pescadores de lamprea de Herbón, no concello de Padrón, para explicar as poucas capturas que levan dende o comezo da tempada, o pasado 8 de xaneiro, e que, sen contar as de onte, apenas pasan de 20. Iso sí, poucas pezas pero bo prezo, sempre e cando a captura sexa «boa». Estas primeiras lampreas do Ulla en Herbón cotízanse entre 48 e 60 euros peza. «O río vai coma no vran», din en alusión ao pouco caudal fluvial e que, segundo os lampreeiros, tamén ten fácil explicación: o encoro de Portedomouros. «É agora cando máis necesitamos auga no río, xa que é o tempo de subir a lamprea, pero non lle abren as comportas», di un pescador, case a modo de reivindicación. De feito, a escaseza de auga no río Ulla obrigounos a modificar os horarios de pesca dentro dos límites establecidos, de modo que manteñen as oito da tarde como hora de botar as redes pero adiantan a recollida en función das mareas. Esta semana acoden a levantar as capturas sobre as catro da madrugada. Ademais, a falta de auga provoca que queden redes sen botar e, por tanto, sen posibilidade de pesca. As pesqueiras -nome que reciben os ocos do río Ulla nos que se capturan lampreas- de Areas son as primeiras en Herbón que poden iniciar a pesca cada ano, do 6 de xaneiro ata o 30 de marzo. Nelas hai 13 ocos, algúns con dúas redes, que pertencen a dez propietarios, todos da parroquia, pero só cinco acoden cada noite a botar as redes e cada mañá ou madrugada a levantalas. Un deles, Juan Lago Sánchez, faino dende o ano 1950, cando cumpriu a maioría de idade. O seu conveciño Manuel Vidal séguelle en antigüidade, con dous anos menos de experiencia no río. É que a pesca da lamprea en Herbón é case ancestral, tanto que, segundo contan, existe un título de propiedade do século IX. É antiga, pero tamén «dura», din os que a practican. En primeiro lugar porque, practicamente, só lles está permitido traballar de noite, de oito a oito. Ademais, no caso das pesqueiras de Areas están obrigados a utilizar unha barca para poder chegar a elas. Trátase dunha pequena embarcación de madeira de pino reforzada, cun peso que cifran en media tonelada, e que moven a remo, pese á idade dalgún deles. Pero a pesar de tódolos inconvintes, a pesca da lamprea é como unha «droga» para as persoas que levan medio século dedicadas a ela, coma por exemplo, Manuel Vidal. Xubilado, este veciño de Herbón asegura que non cambia o oficio dos seus antergos nin tan sequera por unha festa.