Entrevista | Pila García Agra PROFESORA DE SECUNDARIA García Agra, que participa no movimento de renovación pedagóxica das ciencias, falou en Matemáticas de «¿Arte e xeometría ou xeometría e arte?»
05 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.As matemáticas seguen a marcar diferenzas entre os alumnos dende a educación primaria ate que poden desprenderse delas no bacharelato, incluso de maneira forzada, porque a alternativa para moitos deles non son as letras. O problema pode que sexa aprender a querer unha asignatura que, a dicir de Pila García Agra, profesora e xefa do Departamento de Matemáticas no instituto número 1 de Ordes, «é algo máis que ecuacións abstractas». Por iso, onte faloulles aos alumnos dun curso de alumnos da Facultade de Matemáticas de Santiago sobre ¿Arte e xeometría ou xeometría e arte? -Non exactamente, porque aínda que se trata de cálculos matemáticos, a cuestión é facerlles ver que hai outra visión das matemáticas. A conferencia inscríbese no programa Andaina pola Matemática, que pretende dar esa outra visión da pedagoxía desta ciencia aos futuros ensinantes de secundaria. -¿Daquela, de que lles falou? -Da proporción áurea ou razón, tamén chamada divina proporción, que é a que resulta de aplicar o número 1,618034, chamado o número de ouro, que se representa coa letra grega fi. Considérase que é o máximo expoñente da beleza. E aplícase cunha simple ecuación de segundo grado. É o nivel máximo de dificultade que ten. -¿Por que esta medida e non outra? -Porque se os pintores do Renacemento o utilizaron será por algo, e non só eles, porque segue sendo válido no mundo da arte de calquera estilo. É o que demostra que as matemáticas non son só ecuacións abstractas. Pessoa dixo que o binomio de Newton é tan fermoso como a Venus de Milo, só que non sabemos velo. -¿Divulgar estas aplicación fomenta o interese dos alumnos polas matemáticas? -Si, pero o programa da asignatura non deixa moita marxe. Cómenos todo. -¿Non será cousa de innovalo, ou a forma de ensinar esta materia? -Non é fácil, porque son coñecementos necesarios, en contra do que pensan moitos alumnos. É cuestión de ofrecerlles outras visións, de innovar as aplicación desta ciencia. E somos moitos os que tratamos de facelo, na aula e fóra dela, con actividades lúdicas coma a dos Paseos matemáticos por Santiago . -¿Para ver a arquitectura da cidade dende outra perspectiva? -Si, e non só os edificios históricos. É unha actividade do centro sociocultural da Trisca, que é un edificio matematicamente puro, coma o parque do mesmo barrio. -¿Que lle parece a Cidade da Cultura? -A min non me desgusta, porque arquitectonicamente é unha delicia. Gústame a curva e o minimalismo. E alí están as Torres de Hejduk, tan perfectas coma o edificio da Trisca, que tamén deseñou el. -¿Daría unha boa crítica de arte, non? -Non, que va. Cada un ao seu. Pero a xente de matemáticas que coñezo, que é bastante, é apaixonada pola arte e pola literatura. Non somos persoas pechadas, nin os cocos do ensino como se pensa. As matemáticas son moi creativas. Están en case todo.