Celebración

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

20 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

FOI UNHA maneira diferente de vivirmos a festa do 25 de Xullo, Día da Patria Galega. Era día laborable, coas nosas clases nun curso estival de inglés para profesores, entre as 9 e as 12.50 horas da mañá. No campus da Universidade de Limerick, no suroeste de Irlanda, o fermoso país tamén verde e atlántico, que ten na súa simboloxía un trevo e unha arpa. Limerick ou Luimneach -en irlandés-, a cidade do río Shannon, duns 60.000 habitantes, que Frank McCourt nos describiu na dramática novela autobiográfica, As cinsas de Ánxela (Angela's ashes, 1996), da que se venderon máis dun millón de exemplares nos Estados Unidos, e con tanto éxito tamén no cine. Quedamos pola tardiña nun pub, no Nelligans Bar, e convidamos a un grupo de irlandeses ó festexo do noso «National Day», á celebración do Día de Galicia, da festa nacional galega. Para cantarmos xuntos en galego e irlandés, en castelán e en inglés, bebendo unhas cervexas, case todas «stout», a densa Guinness negra, outro símbolo da harmoniosa República do Eire. ¡Saúde e Terra! E alá sentimos Galicia, lonxe e próxima; aló galiciamos nun día anubrado e griseiro, con xentes afables que case non saberían situar o noso lindo país galego no mapa.