Pedróns

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO é habitual, acertaron os membros da Fundación do Pedrón de Ouro ó designar as persoas merecentes destes prestixiosos galardóns no 2005: Xosé Manuel Beiras Torrado (Pedrón de Ouro) e Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Pedrón de Honra). Outra vez estivemos na Horta da Paz, a carón da Casa de Rosalía, homenaxeando a insignes galegos, a honrados intelectuais, traballadores das letras e das ciencias, cunha traxectoria dilatada no tempo e de compromiso enteiro co país. A entidade que arestora preside Avelino Abuín de Tembra convócanos ¡dende 1964! nunha mañá de domingo maio para honrar persoas e colectivos, cun labor fecundo a prol de Galicia. Que ben as palabras do presentador, Xosé R. Fandiño, e a laudatio de Manuel Caamaño. E canta xente aquecendo o acto, reflectindo xustiza e esperanza nos aplausos delongados. Os homenaxeados emocionáronse. Beiras falounos de historia e personaxes do nacionalismo, poñendo o til no concepto da fraternidade. Pérez-Barreiro teimou nas claves e arelas do galeguismo.