Enlace

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

07 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DOS PROXECTOS para mellor engulmar a rede de comunicación comarcal na contorna de Negreira, hai un bastante novidoso e suxestivo. Fetén. Souben del a través da radio local, cando se estaba a tratar o tema do arranxo da estrada que une a vila do Cotón coa Ponte Nafonso. Agardemos que esta conexión se constrúa axiña, despois das promesas que non se chegaron a materializar ata o presente. Relacionado con isto, falouse en Radio Negreira de facer un enlace directo (­¡que ben estaría!) entre Gonte e Barcala. Trataríase dunha nova vía que, partindo de Gonte, atravesando Zas e Covas, cruzando a estrada Negreira-Pesadoira, chégase a enlazar coa que discorre polo Val de Barcala; a que une Negreira coa Pereira e a Costa da Morte. Máis ou menos saíndo á altura de Moldes ou Cores. Serían poucos quilómetros, con moitas rectas e ben rendibles. Terían como primeiro beneficio achegar estas parroquias, evitando os atrancos na vila negreiresa. E, moi especialmente, suporía eliminar o paso dos camións ou vehículos altos e pesados baixo os arcos do Pazo do Cotón, que xa teñen sufrido dabondo. Cumpre buscar o apoio preciso para este enlace tan chusco.