TRIBUNA | O |
10 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A XUNTA de Galicia pide ideas para paliar a grave crise que atravesa o campo galego. As intencións son boas, aínda que sorprende a iniciativa vindo dun executivo, coma o galego, que leva máis de dez anos no poder. ¿Que lectura debemos facer os cidadáns deste chamamento? Que despois de tantos anos gobernando foron incapaces de mellorar a situación do campo como resultado da súa mala xestión ou pola ausencia de xestión. Evidénciase unha sequía de ideas nos nosos gobernantes que, aínda que só sea por saúde democrática, aconsellan a alternancia política. Xa que piden ideas, eu aconsellaríalles que aprendesen algo das leccións agraristas de tres galegos: Lois Porteiro, Basilio Álvarez e Valeriano Villanueva. A nosa terra Galicia é pobre e improductiva porque queremos. A climatoloxía permite cultivar calquera producto europeo, incluso prantas tropicais. O recomendable sería facer unha auténtica revolución agraria que nos puxese a nivel europeo. Hai un principio que, aínda que ten orixe socialista, debería ser universal: «A terra, para quen a traballa». E se non hai quen o faga, habería que ofrecer aos inmigrantes un traballo digno. Impulsar o cooperativismo con axudas a fondo perdido e créditos blandos, superando o minifundismo que tanto dificulta a concepción empresarial do campo. Máis granxas de formación e explotación de productos comercialmente atractivos para competir en Europa. Uso de terrenos semiurbanos... e moitas ideas máis.