O cardeal Quiroga

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

FORON ESTES días de loito na basílica, pois tocounos despedir ao coengo Xulio Arca. Mentres se oficiaban as honras fúnebres retrocedín algunhas décadas, aos anos cincuenta e sesenta do pasado século, e lembrei ao último arcebispo desta cidade que alcanzou o capelo cardenalicio, xa sabedes que falo de Fernando Quiroga Palacios, aquela grande alma da que os composteláns dicían orgullosos, ao velo presidir os desfiles procesionais, que enchía a rúa do Vilar. Nacera co século en Maceda, na provincia de Ourense, onde estudou a carreira eclesiástica, proseguindo a súa formación no seminario compostelán (que entre os anos 1870 a 1932 gozou da categoría de Universidade Pontifícia) e obtendo o doutourado en Teoloxía, para posteriormente graduarse en Sagradas Escrituras no Instituto de Estudos Bíblicos de Roma. De volta a Ourense, en 1940 é nomeado párroco de Santa Eufemia a Real do Norte. En maio do 42 vémolo de coengo en Valladolid, pero ao seu primeiro cargo importante chega o vintecinco de novembro de 1945, cando por bula pontifícia foi designado Bispo de Mondoñedo. Ao quedar Santiago sen prelado, trala morte de Muniz de Pablos, o catro de xuño de 1949 designouse a Quiroga para substituílo e, ata o seu pasamento, o sete de decembro de 1971, viviu entre nós como un veciño máis, cunha insólita proximidade entre o arcebispo e os seus diocesanos. Moito traballou por Compostela malia que os anos que nos gobernou (especialmente na década dos cincuenta), foron de escaseza e puxeron a proba o seu carácter. Vendo o empeño construtivo que despregou, acordeime moitas veces de Xelmírez. Aínda ben non chegou aquí, rematou as obras da Casa Diocesana de Exercícios que comezara o seu antecesor inaugurándoa o vinteseis de xullo de 1952. Outra importante carencia que notou foi a pésima situación na que se atopaba o Seminario Maior, e deseguida emprendeu a tarefa de construír outro escollendo uns terreos en Belvís. Pero había que arrecadar cartos e non dubida en pedirllos a canta autoridade nos rexía, reunindo uns tres millóns de pesetas cando toda a obra se valoraba en vintedous, amoblamento aparte. Non se rendeu, e un primeiro de marzo de 1953, colócase a primeira pedra sen deixar de facer campañas para xuntar o diñeiro necesario ata a súa bendición en outubro de 1957 polo nuncio Antoniutti, en presenza do alcalde Porto Anido xunto co da Coruña, Alfonso Molina, e outros cargos; en setembro do ano seguinte, Franco asistiu á apertura. Tamén construíu vivendas sociais a través do padroado de Fátima, ao que destinou parte dos 53 millóns obtidos coa venda do psiquiátrico de Conxo á Deputación. Destacada foi a súa laboura a prol da promoción do Ano Santo (viviu tres: 1952, 1965 e 1971). Foi tal o éxito do primeiro que, en 1953, Pio XII nomeouno cardeal, e Compostela alegrouse tanto que o declarou fillo adoptivo, nunha brillante velada celebrada na Universidade. Por decreto de 22 de outubro de 1954, crea o Centro de Estudos Xacobeos, e o seu órgano, a revista Compostellanum , felizmente viva. Desa época datan as excavacións na catedral, levadas a ramo por Chamoso e Guera Campos, que culminaron coa aparición do sepulcro de Teodomiro. Interveu no Concilio Vaticano II, foi legado pontifício en Filipinas e o primeiro presidente da Conferencia Episcopal, pero, por riba de todo, foi o introdutor da liturxia en galego, sendo o primeiro bispo que oficio unha misa na nosa língua, en Iria, o 15 de xullo de 1971, con ocasión do oitenta e seis cabodano de Rosalía. Con anterioridade publicara en galego moitos artigos. No ano 1951, fora nomeado Académico de Honra da Real Academia Galega. Tivo sempre un talante xeneroso, por medio de Caritas e en persoa: nunca deixou de dar unha esmola a quen lla solicitaba, xa fose unha pobre velliña ou os organizadores das Festas Minervais, que ían ao pazo episcopal en comisión e o cardeal, despois de botarlles un sermón polo mal que andaba a mocidade e outras decadencias morais, afrouxáballes mil pesetas que nos anos cincuenta non era para á perda.