Retratos

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O MEU amigo certo Bartolomé Sánchez Canals -agora reitor do Seminario Maior compostelán-, pasoume o catálogo Pedro Brey. A parroquia retratada, editado pola Xunta de Galicia e a USC, neste 2004. A súa cuberta xa é impactante, pero lelo todo e ver as súas fotos interiores, en branco e negro, levoume de contado a ollar a mostra que se exhibía na Igrexa da Universidade, no alborexar deste verán. Foi unha boa escolla. Pedro Brey Guerra (Oca-A Estrada, 1889-1967) érame un fotógrafo descoñecido, pero agora, endebén, logo de ver a súa obra, tan rural, artística e etnográfica, podo dicir que descubrín un creador moi interesante, con eses sesenta retratos que posúen tanta forza, testemuños da Galicia do pasado. Que rostros, que vestidos, casas, paisaxes e paisanaxes. Os comentos literarios (Carlos Asorey, Enrique Acuña, Garrido Couceiro) sitúannos na terra e no tempo a este fotógrafo estradense. Cando redacto este artigo «fotográfico», escoito na radio a canción Cosas que hacen que la vida valga la pena, de Pasión Vega, inserida na película do mesmo nome, de inminente estrea. Acáelle ben a esta mostra de Pedro Brey.