Francos

ALDONZA

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA | O |

28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DESPOIS de algún tempo no que parecía cegado polas luminarias da Ilustración e atuado baixo a maleza da historia, o Camiño Francés reviviu con máis forza que nunca. Contemplando as ringleiras de peregrinos que se agolpan diante da Porta Santa ou agardan pacientemente horas para recoller a Compostelana, non podo deixar de pensar que, quizais, nada disto tería acontecido sen o empeño firme da potente congregación francesa de Cluny e a colaboración entusiasta de Alfonso VI. De aí que a nosa catedral teña trazas galas, porque galo era Bernardo o Vello, o magister mirabilis do Calixtino, así como os seus cincuenta canteiros que iniciaron a construción. Non descarto que eu mesma teña algo que ver co país veciño. A saber de onde viría o mestre de Praterías. Francés foi tamén o papa Calixto II (irmán do Ramón de Borgoña que casaría coa futura raíña Urraca), a quen se atribúe o Códice Calixtino e grande benefactor de Compostela ó concederlle en 1122 o privilexio do Ano Santo. Non é por tanto estraño que, de sempre, os franceses chegasen a milleiros a través desta rota, entrando pola porta francíxena á catedral e mesmo ficando entre nós, establecidos na rúa francorum, ó tempo que nas vilas máis importantes de Francia como París, Chartres ou Tours se creaban confradías de Santiago integradas por romeiros. Todo o anterior vén a conto de que o pasado 25 de agosto celebrou a Igrexa a festa de San Luís XI, rei de Francia. Eu non cheguei a coñecelo, pois nunca Santiago pisou, pero tivemos noticias del nesta casa por carta de 3 de xullo de 1483, na que notificaba o envío de dúas campás fundidas en La Rochelle que foron colocadas na Torre do Reloxio. Con anterioridade, outro monarca francés, Carlos V O Sabio, morto o 16 de setembro de 1380, gran devoto do Apóstolo, mandara 3.000 floríns para dotar á basílica compostelana de tres capeláns francos que dirían misa diaria polas súas intencións. O mariscal Petain Don Rodrigo de Moscoso rexía a nosa diócese que estaba chea de débedas por mor dos tempos revoltos e os floríns se empregaron para o pago das anatas, imposto á Cámara Apostólica establecido polo papa Xoán XXII para os prelados e beneficiarios no primeiro ano da súa toma de posesión e que os seus antecesores non aboaran, obrigándose as Mesas Capitular e Arcebispal a mercar terras por valor dos 3000 floríns a fin de dotar a fundación. Así se fixo, funcionando as tres canonínxeas ata a Desamortización de Mendizábal en 1835. Escolleuse a capela do Salvador, onde se iniciara en 1075 a construción da catedral, para celebrar as misas, o que xustifica a denominación de Capela do Rei de Francia. En 1532, o arcebispo Alonso III de Fonseca custeou o retábulo renacentista que hoxe a embelece. Nela confesaban, comulgaban e recibían a Compostelana os peregrinos estranxeiros. Ó que si coñecín foi ó mariscal Petain, que nos visitou o 27 de outubro do ano 1939, cando era embaixador do seu país. O 25 de agosto de 1945, dirixindo os destinos do estado francés, enviou a través de monsieur Pietri, o seu embaixador, un copón de prata, obra do orfebre parisino Puifocart, de deseño moderno. A misa celebrouse na capela do Rei de Francia.