ANOS DE GRAZA
19 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O DEZASETE de xuño de 1643, os habitantes desta catedral recibimos unha grata nova, que boa falta nos facía, pois levabamos un tempiño sen levantar cabeza por causa das diversas desgrazas que nos tiñan co corazón nun puño. A situación política non podía estar pior, pois aos levantes en Cataluña e Italia había que sumar a loita independentista de Portugal que, por tocarnos tan de perto, sufriamos moi directamente. Había grande perda de homes e cartiños, pois el rei Felipe IV non facía máis que pedir que se contribuíse á causa mercando, por exemplo, catro mil ducados de principal en xuros pagados polo terzo do ano. Tamén é verdade que, de cando en vez, enviaba algún obsequio para agradecer ao Apóstolo a axuda nalgunha batalla, aínda lembro a cara de asombro que se nos puxo cando apareceu o Licenciado Serrano de la Sierra, capelán da raíña, para, no seu nome, facer entrega da cama de prata con colgaduras de tafetán na que nacera o príncipe Baltasar Carlos, tan ben retratado por Velazquez. Amais das lideiras independentistas que afectaban ao conxunto da nación, o que nos traía desacougados aos veciños desta casa era a posta en dúbida do padroado do Señor Santiago sobre as Españas: que se Santa Teresa, que se o arcanxo San Miguel, que se San Xenaro, que se San Xosé, cada tanto, e sen que se soubese moi ben o fundamento, xurdía unha nova proposta que nos deixaba abaneando, pois ese cambio de patrón significaría unha catástrofe tanto económica como de prestixio. A tales provocacións, anque contrarrestadas pola intercesión de celebridades como Francisco de Quevedo ou mesmo Velázquez, Cabaleiros da Orde de Santiago, só se podía responder con poderío, e xa o cabido levaba tempo pensando en facer obras na casa, sobre todo no altar principal que, a qué enganarnos, quedara un tantiño pasado de moda e víase pobre comparado co estilo imperante naqueles tempos (o barroco), tan cheo de curvas, quebrantamentos, volutas e adornos. Pero unha cousa é querer e outra ter con qué responder e as arcas non andaban moi cheas, por iso ese 17 de xuño quedamos tan contentos visto que por Real Célula, Felipe IV concedeu á fábrica da catedral dous mil ducados, sobre as rendas da Mitra, por espazo de vinte anos; outros dous mil ducados sobre as vacantes das Encomendas da Orde de Santiago e a institución da Real Ofrenda anual de mil escudos de ouro que, cada vintecinco de xullo, se continúa celebrando. Con semellante empurrón económico axiña empezaron os preparos para confeccionar un tabernáculo que acollese como é debido ao Apóstolo, tendo moi claro desde o principio que tal obra debía ser rexia, tanto por quen a pagaba como por ser digna dun Patrón. O dez de xuño de 1655 penduráronse no altar maior uns tapices que o Deán de Toledo entregou no nome do Rei, bordados con columnas salomónicas, pampos, acios e follas, decidíndose que estes ornamentos eran os propios para decorar o retábulo. O cabido non reparou en gastos, por parte dos tres mestres de obra da catedral -José de la Peña, Francisco de Antas e Bernardo de Cabrera- buscaron outros na Corte, de onde virían dous que cobraron cento cincuenta ducados por estudar a mellor disposición das obras. Durante anos proseguiron os traballos, con planos de moitos mestres indo e vindo a Madrid, ata alcanzar ese conxunto realmente maxestoso, quizais un chisco esaxerado, presidido polo apóstolo nas súas tres versións: peregrino, evanxelizador e indiscutible Patrón das Españas conforme reza o seu himno. aldonzadepraterias@yahoo.es