Concursos

X. AMANCIOLIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

19 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTE ANO 2004 áchanse abertas as convocatorias de dous certames literarios -un poético e outro de narrativa-, auspiciados polo Concello de Negreira e outras entidades comarcais. O terceiro premio de poesía Afonso Eanes do Cotón conta cos apoios da asociación cultural homónima, 3C3 Editores e Eurográficas. O premio de novela curta Xulián Magariños Negreira está patrocinado pola Fundación Feiraco. Ollamos dúas apostas xeitosas no rego fértil da cultura. Ambas convocatorias son boas novas, cadrando no tempo, de ámbito galego, e salientando os nomes do lírico Eanes e do polígrafo Magariños. Como se di no adro das bases destes concursos, «o nome (...) quere lembrar a figura do trobador do Cotón e a importancia da nosa lírica medieval, como alicerces para o cultivo e normalización do idioma galego neste século XXI» (premio de poesía); e «na conmemoración do centenario do nacemento do avogado e escritor negreirés (...), no afán de lembrar a súa figura e de contribuír ó fomento da creación literaria en Galicia». Bos e nobres propósitos, nos dous casos. Consúltense as bases de participación, porque os premios son de mil e pico euros, e publicaránse as obras gañadoras. É unha oferta interesante.