A exposición «...na súa tinta» evoca a catástrofe do Prestige a través dunha serie de debuxos e textos
SANTIAGO
A combinación de imaxes e textos sobre a catástrofe do Prestige compoñen unha orixinal exposición inaugurada onte polo serán na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, na Casa da Conga. A montaxe, que se presenta baixo o título ...na súa tinta , ofrece unha colección de debuxos cos que os autores, Agustín Sciammarella e Tomás Ondarra, interpretan os acontecementos que rodearon a catástrofe do petroleiro afundido o 13 de novembro do 2002 fronte á Costa da Morte e que, por mor das decisións políticas, emporcou de chapapote as costas galegas e do norte da Península. Os autores das imaxes fan un relato da catástrofe para a reflexión a través dos seus personaxes. Uns son os galegos que representan á Galicia vítima do acontecido e os que lle fixeron fronte á gran mancha de chapapote de forma heróica. Outros personaxes son os políticos no seu papel, como responsables administrativos. Sorrisos e bágoas No percorrido por esta exposición o espectador pode experimentar emocións encontradas que despertarán nel o sorriso e ata lle farán verter bágoas. Se os debuxos son abondo expresivos ao interpretar as emotivas e delirantes situacións daquela traxedia, os textos escritos por autores coma Manolo Rivas, Antonio Alonso, Xosé Santos Otero ou Xurxo Lobato, entre outros, contribúen a dar unha visión máis completa das dimensións dun accidente que acabou en catástrofe. Agustín Sciammarella é caricaturista no diario El País, e Tomás Ondarra é xefe da seccion de infografía do mesmo xornal. Ambos creativos decidiron sumar a súa solidariedade e axudar deste xeito, porque segundo explicaron, non puideron facelo limpando chapapote no seu momento polos seus compromisos profesionais. A exposición ...na súa tinta foi inaugurada, nun acto ao que asistiron os autores dos debuxos, pola decana do COAG, Teresa Táboas. Estará aberta ata o 19 de abril, de luns a venres en horario de mañá e tarde.