Reportaje | O grupo máxico de Compostela Camilo Vázquez, Antón Romarís e Vituco participan nunha gala con oito magos galegos máis
04 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Só nun país coa tradición esotérica de Galicia se explica que haxa arredor dun cento de magos entre afeccionados, semiprofesionais e profesionais. E compostela participa do momento especialmente bo que vive este mundo de fantasía e ilusións. Tanto que existe un círculo que reúne semanalmente no Dado-Dadá a unha ducia de magos composteláns ou residentes na cidade como é o caso de Luis García, a estatua exipcia que cada día se sitúa no Obradoiro, que é un dos cartómagos máis relevantes que existen. Dous dos magos que forman parte deste grupo compostelá, Antón Romarís e Vituco, así como Camilo Vázquez, que se ben naceu na cidade leva moitos anos residindo fóra, participaron o pasado día 28 nunha gala que se celebrou en Viveiro, na mariña de Lugo, promovida e presentada polo famoso mago lucense Antón. Foi un espectáculo que reuniu a dez dos vinte magos galegos de primeira liña, que se pode ver hoxe na TVG, a partires das 15.30, como preámbulo da Cabalgata dos Reis. A tempo parcial O de Camilo Vázquez non é un caso único. Como case todos, interesouse pola maxia sendo neno, «lendo un libro que mercara meu pai», e como quen non quere a cousa foi aprendendo trucos e perfeccionando un estilo que lle valeu un premio internacional que equivale, segundo explicou el mesmo, «a unha medalla de ouro nunhas olimpiadas». Camilo fai maxia de salón, pero dende hai anos limita as actuacións a galas e congresos de maxia. Defínese como «profesional da maxia a tempo parcial», porque do que de verdade vive é do seu traballo de inxeñeiro da Citroen en Madrid e París. Camilo Vázquez forma parte, xunto con Tamariz e Luis García, da Escola Máxica de Madrid, que nos 70 revolucionou este espectáculo en España. Maxia cómica Para Antón Romarís facer maxia é a súa profesión. E optou pola maxia cómica, un xogo no que a ilusión dos seus números mestura o humor coa implicación dalgunha persoa do público, a través da que actúa e pon en cuestión canto se lle poña por diante. Romarís empezou a facer maxia no 97. Foi despois de decidir viaxar por España adiante tocando a súa gaita e de facer de estatua nas Ramblas de Barcelona, en Bilbao e no Obradoiro, donde representaba a un imperturbable romano. Na gran praza compostelá coñeceu a Luis García, ó que considera o seu mestre e o referente do grupo de maxia de Compostela, no que hoxendía hai tres profesionais: o propio Romarís, Vituco e Richard. O mago cómico compostelán aprendeu maxia asistindo a diario as funcións da Sala Oudini, en Madrid, e á biblioteca especializada que hai na Fundación March. Di que agora ten un espectáculo «decente e refrendado polo aplauso do público, e sigo aprendendo». Mentalismo Parar unha bala cos dentes é o número forte de Vituco, o terceiro compostelán na gala que se ve esta tarde na TVG. É a primeira vez que se xoga o tipo cunha bala real, do calibre nove, disparada por un tirador deportivo profesional. Antes utilizaba balas de fogueo. Este ilusionista é dos máis novos do grupo compostelán, no que o benxamín ten 19 anos. O factotum é Carlos Asorey, do Dado-Dadá, impulsor do jazz galego é mago. A Vituco gañouno para a causa un libro de maxia de Tamariz cando tiña 12 anos. E como todos, a falta de escolas de maxia, perfeccionou o seu autodidactismo en congresos, cursos e encontros coma os que teñen con Luis García.