Unha obriga de séculos pola devoción a cambio dun solar

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

En directo | O voto do Concello a San Nicolás de Bari A corporación municipal renova cada ano o compromiso dunha misa e un donativo

06 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai compromisos que non prescriben nunca. Como o voto a San Nicolás de Bari a que está obrigado o Concello compostelán dende hai máis de tres séculos. Onte foi a festividade deste santo italiano, e a corporación cumpriu co rito de acudir á igrexa do mosteiro de San Paio para asistir a unha misa na súa honra e facerlle unha ofrenda que non se queda no simbolismo dun discurso. Non, a corporación cumpre e dalle ás nais de San Paio un donativo. A cerimonia, como queda dito, vén de lonxe, de cando o actual mosteiro benedictino estaba ocupado pola orde masculina que tiña a encomenda de gardar as reliquias do Apóstolo. Pero en 1499 eles xa se trasladaran ó viciño mosteiro de San Martiño e en San Paio reuníranse as monxas benedictinas que había espalladas por Galicia. O caso é que un matrimonio da cidade decidira donarlle ó Concello unhas terras coa condición de que cada ano tiña que ofrecerlle unha misa e unha ofrenda a San Nicolás de Bari, do que polo visto eran devotos. E sábese que a finais do XVII o Concello da cidade entablou un pleito coas monxas porque coas obras levadas a cabo na igrexa desaparecera o altar de San Nicolás de Bari, e pretendían rematar coa obriga da ofrenda. Pero gañaron as monxas. Seguramente porque o compromiso non era cun altar físico, senón co venerado santo italiano, tanto que hai poucos que conservaran como el un culto popular ó longo dos séculos. A imaxe de San Nicolás de Bari segue na igrexa de San Paio, cerca da entrada, «como si fuera el portero», como di con cariño unha das señoras de San Paio, que engade: «Y a nuestro San Nicolás lo queremos mucho». Así é como chegou ate hoxendía o ritual dunha ofrenda que a arquiveira de San Paio non lembra que se teña interrumpido. Á misa de onte non faltou unha representación da corporación municipal. Polo grupo de goberno asistiron os concelleiros socialistas Bernardino Rama e Adelaida Negreira; e tamén acudiron Dositeo Rodríguez, portavoz do grupo do Partido Popular, e Ricardo García Borregón.