De ORA en ORA

MARÍA OTERO

SANTIAGO

NO ROIBÉN | O |

21 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A ORA, esas siglas que máis que identificar á normativa que regula o aparcamento de pago en vías públicas parecen esconder tras si un ente con acusadas ansias de espallarse, acabará por chegar ate o monte Gaiás. En Raxoi están argallando xa a súa extensión a novas rúas. E en cuestións coma esta non é precisamente nas que se nota a lentitude da Administración para pasar da idea ós feitos. Mermada a súa presencia no corazón do Ensanche, por mor da necesaria remodelación do céntrico barrio, a ORA busca novos dominios nos que asentarse á conta dos petos dos composteláns. Pero pese a iso, e ó rexeitamenteo que sempre provocará, para moitos incluso acabará resultando un bo refuxio fronte á sangría que supón o aparcamento soterrado, con tarifas que máis parecen responder a un servicio de luxo que a unha necesidade de primeira orde nunha cidade tan limitada tanto polo seu carácter histórico como pola nefasta concepción do seu Ensanche. A alternativa para apearnos do coche no centro pasa por entrar na cidade soterrada. A falta doutras opcións, entre elas un bo transporte público, os cidadáns téñeno cada día máis claro, igual de claro que acadar o pago por tempo consumido debe ser un dos principais retos de Raxoi.