SALGUEIRIÑOS | O |
30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AQUÍ HAI que pensar en clave plurianual (multianual) cando xorde unha iniciativa de rango. Lánzase a idea, remóese, agrándase como os rumores (haberá tempo para quitarlle), públicase seiscentas veces, proxéctase, cae dos orzamentos, volve computarse, prométese, asegúrase, encáixase e quince anos despois, tras decapar o proxecto, colócase a primeira pedra. Moitos dos que escoitaron falar por primeira vez dunha biblioteca estatal en Compostela xa están xubilados, por non dicir outra cousa. Non se xubilou a idea, por sorte, e dentro de dous anos un terá a oportunidade de contrastar arquitecturas diferentes. Como en San Domingos, onde o contemporáneo deulle a man ó secular. O civil ó conventual. Curiosamente, o Centro de Arte Contemporánea (o CGAC) puido ser veciño do monumento franciscano, pero preferiu viaxar deica Bonaval. As dualidades Centro de Arte Contemporánea-convento de San Domingos e Biblioteca estatal-convento de San Francisco, que podían dialogar como o can e o gato, marcan a alegre convivencia de estilos e épocas históricas. Iso dime que Compostela non quedou ancorada no pasado nin se coagulou o sangue urbanístico nas veas do casco histórico.