Os socialistas aínda non decidiron se recurrirán ó Constitucional A corporación elexirá a Teodosio Martino como alcalde o vindeiro 4 de xullo
28 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.? candidata do PSOE á alcaldía de Ordes, Esther Couto, manifestou onte que o seu grupo segue analizando a posibilidade de interpoñer recurso de amparo ante o Constitucional despois de que a sentencia do TSXG confirmase a maioría absoluta do Partido Popular, ó non admitir os recursos presentados polos partidos da oposición: BNG, PSOE e CDI. Para Couto, estaría en xogo o feito de que «se teña conciencia dos problemas que orixina o voto emigrante». Segundo outras fontes socialistas consultadas, a resolución da sala coruñesa «non resolve todas as cuestións recollidas nas alegacións», polo que consideran que hai posibilidades de que o Constitucional teña un criterio distinto e anule a votación da mesa dos emigrantes. Dende as filas nacionalistas, Ramiro Recouso anunciou que o BNG non recorrerá á sentencia dictada o venres pola sala do contencioso-administrativo. Igual decisión adoptou a formación independente CDI, que lidera Roberto González. Este partido indicou que, a pesar de non compartir a sentencia emitida polos maxistrados, respectará a opinión xudicial. Ambos portavoces planifican xa os vindeiros catro anos, nos que pensan exercer as actividades propias da oposición. Mentres tanto, o candidato á alcaldía do PP, o popular Teodosio Martino, móstrase satisfeito coa decisión tomada polo TSXG. Ó seu xuízo, o fallo ratifica a impecable legalidade de todo o proceso electoral, como «ya habían demostrado antes las Juntas de Zona y Central». Asegurou que moitas das alegacións presentadas eran simples «disparates». Agora, dous meses despois dos comicios locais, o vindeiro 4 de xullo a corporación de Ordes elexirá ó seu alcalde. Teodosio Martino (PP) ten votos para ser designado por maioría absoluta.