Baldomero

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

28 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

AS PRIMEIRAS obras que coñecín del, e que gardo na miña biblioteca, son Sociología política de Galicia (Librigal, A Coruña, 1976) e O libro negro da Galicia electoral (Minerva, Santiago, 1978). Daquela, este profesor nado en Cee, Baldomero Cores Trasmonte, exercía a docencia na Universidad de Puerto Rico, onde era amais un facho -a referencia- da cultura galega naquela illa do Caribe. Despois volvería á súa Compostela de sempre, onde foi letrado do Parlamento de Galicia, ata a súa activa xubilación. Agora segue publicando artigos na prensa e novos libros. Os últimos que lle coñezo versan sobre A Tuna de Santiago e a Rúa do Vilar (Fundación Caixa Galicia). E sei que está a colaborar na obra colectiva Historia de Santa Comba de Xallas, como xa fixera dirixindo a voluminosa Historia de Cee (1999), vila da que é o seu cronista oficial. Asemade, vai ver a luz axiña, en 3C3 Editores, a súa biografía dun galeguista senlleiro e bastante esquecido, o lugués Lois -ou Luís- Porteiro Garea (1889-1918). Levará un limiar do presidente da nosa Cámara Autonómica, por amizade co autor e tamén porque foi singular a pegada que deixou Baldomero Cores nas estancias do Pazo do Hórreo.