Sociais

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

31 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NALGÚNS artigos témonos referido a números concretos de revistas galegas xa consolidadas (Grial, Encrucillada, Dez-Eme). Noutra ocasión lamentamos o peche da Guía dos libros novos. E hoxe queremos saudar o nacemento da Revista Galega de Ciencias Sociais (RGCS), editada pola Asociación Galega de Ciencias Sociais. Benvida. Nace a RGCS coa vontade de publicar dous números cada ano. Para a súa estrea na nosa hemerografía ofrécensenos traballos de investigación, experiencias, opinión institucional e recensións de libros. Case se trata dun número 0, con 142 páxinas, un deseño e estructura que inda poden ir cambiando nas edicións que veñan. Esta revista nace no seo desta asociación de ámbito galego, constituída por un grupo de docentes da compostelá Escola Universitaria de Traballo Social, que ten casa nun segundo andar do edificio de San Martiño Pinario. A RGCS é dirixida por Felicitas Rodríguez e levada adiante por un consello de redacción integrado por doce persoas máis. Urbanismo, demografía, rendas, sector lácteo, medio ambiente, política, voluntariado, participación democrática... teñen espacio nestas páxinas, asinadas por un grupo xeitoso de profesores e profesionais das ciencias sociais.