Tras dezaséis anos como concelleiro na oposición, o voceiro socialista ten opcións claras de encabezar a partir do 14 de xuño un goberno de progreso co apoio do BNG
28 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?arlos Fernández é dende hai dezaséis anos a cara visible do PSdeG de Ames. Cos resultados electorais na man, e co máis que previsible entendemento co BNG para formar o que os dous partidos definen como «un goberno de progreso», será o vindeiro alcalde de Ames. Despois de derrotar a Astray, este asesor inmobiliario de 46 anos quere ser a cara amable e eficaz dun novo Ames. -A nosa prioridade é a atención veciñal. Tiñamos moitas queixas de que era imposible falar co alcalde. Por iso prantexamos a creación dunha concellería de atención veciñal para que, independentemente da atención que prestan os funcionarios, o veciño teña a posibilidade de que alguén do grupo de goberno o atenda e o reciba. -Na campaña, PSOE e BNG incidiron no talante despótico de Astray. Despois de trinta anos gobernando o PP, ¿que tipo de alcalde vai ter Ames? -Os veciños atoparanse cunha persoa accesible. Pero iso hai que artellalo. Prantexaremos quendas, tamén o sábado, para que a xente poida falar directamente co alcalde. Os veciños teñen que poder falar co alcalde e o alcalde tamén vai ir falar cos veciños. -¿Cal vai ser a primeira iniciativa municipal, se se compren as expectativas dun goberno de progreso? -A elección do alcalde será o 14 de xuño. E eu comprometínme que ó día seguinte o novo alcalde de Ames vai visitar dúas parroquias: a que máis nos respaldaron e tamén aquela na que tivemos menos votos. Querémoslle decir que imos gobernar para todos. -Fala como un alcalde, pero necesita o apoio doutro grupo. ¿Xa hai conversas co BNG? -Creo con franqueza que os dous grupos municipais damos por feito que é imprescindible chegar a un acordo de goberno. Calquera outra cousa non no la perdoarían os veciños. Os esforzos que fixemos xuntos na oposición non poden server para pelexar, senón para gobernar. -Ames é unha praza política importante. ¿Séntese presionado pola vixiancia que van ter PSOE e o BNG? -A nosa prioridade é Ames e os seus veciños. Pero impórtanos tamén o resto. Por iso é moi importante que este goberno o faga ben, para que dentro de catro anos outros concellos limítrofes teñan sana envexa e asuman o noso modelo de progreso. «É moi importante que este goberno o faga ben para que outros concellos limítrofes asuman dentro de catro anos o noso modelo de progreso»