«O poema é o ADN do escritor»

La Voz

SANTIAGO

Pedro Rielo, poeta e xornalista

28 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das maiores virtudes de Pedro Rielo (Pontevedra, 1972) é a capacidade de abstraerse do seu frenético traballo como xornalista en Antena 3 Televisión para afondar na alma e o corpo, que é, como el mesmo di, o mellor xeito de facer poesía. Hai uns días saltou ó outro lado das cámaras para presentar o seu primeiro libro de poemas, Illado na incerteza, publicado por Espiral Maior. Un traballo que recompila catro anos de memoria íntima e colectiva e que xurdiu inocentemente, con moitísima humildade. O sono de calqueira persoa con inquedanzas que chama a porta dunha editorial pensando que chegou o tempo de sacar do caixón un anaco do que leva dentro. -Medio cento de poemas en catro anos, un ritmo diferente ó da súa vida cotiá. -É certo, é un proceso moito máis lento que non precisa da disciplina do traballo xornalístico pero que é rebelde porque permite escribir nun autobús, nun pano da mesa. Eu entendo a poesía como labazadas que van xurdindo, que despois hai que traballalas como se fosen esculturas de barro. -¿Como afronta o papel en branco? -A poesía ten que ser sincera e misteriosa, hai que abrir a conciencia e entrar nun cuarto escuro pero cunha luz sinxela, porque eu non creo nos poetas que queren ser os descobridores das grandes verdades. O poema, para entendernos, é como o ADN do escritor, sen máis. -¿Cal é a temática de «Illado na incerteza»? -A memoria e o pasado están moi presentes neste poemario, e ás veces aparecen relacionadas co presente. Nese senso trátase dun exercicio moi parecido ó xornalismo. -¿Canto tempo haberá que esperar polo segundo libro? -A verdade é que aínda estou moi ilusionado co primeiro traballo, pero de seguro que algo haberá. Teño algún relato na recámara, e quen sabe, despois desta experiencia é posible que me anime a facer algo.