PEREGRINOS

La Voz

SANTIAGO

XOSÉ GARCÍA OPINIÓN

04 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Veñen a moreas na Semana Santa e no verán, e póñenlle unha nota de abigarramento humano, de babel andante, ás aldeas e vilas polas que pasan. É un fenómeno que comezou co Xacobeo 93 e aínda se mantén con forza, sen que ninguén saiba canto durará esta febre de querer toca-la coroa do apóstolo tras patear centos de kilómetros. Os que viviamos ao pé do Camiño antes de 1993, notamos un cambio significativo nos peregrinos que viñan. Daquela, o meirande deles camiñaban con devoción, relixiosa ou non, e non facían ostentación dos seus andares. Pasaban en silencio e durmían moitas veces ao raso, ou en instalacións pouco axeitadas, por non existir rede de albergues. Agora, verás a moitos pola rúa coxeando estentoreamente, queixándose a berros de que a auga da ducha dos albergues sae demasiado quente, namentres grupos de mozos enchen unha habitación enteira para poder estar sós e pasa-la noite de botellón. Iso sen falar dunha das estampas máis típicas dende Palas de Rei a Compostela, que é ver a parada de autobuses da Freire ateigada de dubidosos andadeiros, coa credencial en regra, dispostos a queimar ducias de kilómetros en poucos minutos e por menos dun euro. De cando en vez, pasa de novo algún deses peregrinos auténticos, que seguen a camiñar co silencio de antano e sen intención de parar en Compostela. redac.santiago@lavoz.com