«O novo sistema democrático é acrítico e pesebrista»

La Voz

SANTIAGO

CONCHA PINO EL CRONÓMETRO Xesús Rábade Paredes, autor de «Como levar un morto»

21 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O pasado decántase no presente na novela Como levar un morto, do escritor e profesor afincado dende hai moitos anos en Compostela Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, 1949), editada por Sotelo Blanco e que se presentou onte na librería Couceiro. -¿Que encerra o título? -Todo o peso da represión, a pesada carga dunha forma de morte, como a que vive o protagonista, Amador Souto, que cumple condena nun psiquiátrico e non no cárcere, sen cometer delito algún. -¿Fala do pasado? -É a historia de Amador Souto, fillo dun represaliado da Guerra Civil, narrada en primeira persoa nas cartas que lle envía a súa amada. A novela arranca en febreiro de 1999 e remata en decembro do mesmo ano, cando o protagonista decide poñer fin á súa vida. Hai unha segunda liña narrativa, na que un narrador innominado comenta sucesos de rigorosa actualidade, pasando revista ó comportamento do PSOE e ó do PP, herdeiro de coarenta anos de dictadura. -¿É unha crítica ó poder? -É unha novela políticamente incorrecta, que denuncia a actual situación, o enfrontamento da dignidade humana ó fanatismo e a defensa da diferencia fronte ó pensamento único. Vivimos unha democracia de medio pelo, de guante branco, que actúa cos mesmos criterios dogmáticos da España eterna e represiva. O novo sistema democrático é acrítico e pesebrista. -¿Imponse revisar o presente á luz do pasado? -Si, porque hai unha gran acomodación. Os escritores deberían ser o aguillón crítico deste caos, no que a desmobilización cultural e lingüística é parella á perda de liberdades. -Non está ben visto. -Non, pero eu prefiro ser fiel ás miñas ideas e ir contracorrente. E fancho pagar.