XOSÉ GARCÍA EL CRONÓMETRO Xosé Vázquez Pintor, escritor
12 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Xosé Vázquez Pintor é un dos escritores máis laureados dos últimos anos. Aínda así, non cre que estea a acada-la madureza como literato, pois considera que sempre está aprendendo. Xosé leva un tempo poñendo a palabra ao servicio da loita contra a desmemoria. E diso falamos, das súas lembranzas no Melide natal, moi preto da casa que o viu nacer. -¿Vivindo en Cangas, aínda se lembra de Melide? -Si. En Melide nacín. Aínda está a casiña intacta. Non a moveron os arquitectos do feísmo. -¿Cal era esa casa? -É na que actualmente se atopa o comercio chamado As tres BBB. Meu pai, daquela, traballaba coma xastre. -Faga memoria. -Lembro que me gustaban os corredores de arriba. Teño a lembranza feliz dunha señora que vendía albardas e tiña tódolos traxes das bestas e os cabalos daquel tempo. Eu de pequeno xogaba moito con eles, imaxinando que era un cabaleiro. -¿E cando marchou de Melide? -Tiña catro anos, e fómonos para o municipio veciño de Agolada. Despois retornei para face-lo ingreso na Academia Balmes, de don Xosé Ares Lois. Fun da promoción que soubo do difícil que era examinarse por libre. -Agora, volve sempre que pode. -Procúroo. En Melide quedaron bos amigos e parte da familia, aínda que a morte foi rareando en todos eles nos últimos tempos. Sobre todo quédame un amigo, Mingos, unha figura esencial e fundamental para min en Melide. Non teño irmáns, pero teño un irmán preto de min que é Mingos. Con el eu comecei a loitar, a soñar, a embarcármonos en proxectos e a tecer por esta terra.