Un resumo de Galicia

La Voz

SANTIAGO

A singular montaxe desta mostra é obra dos deseñadores Pepe Barro, Lía Santana e Xosé Salgado. Traballaron con máis de 1.500 imaxes posibles, pero tiveron que limitarse a 250 para facer un recorrido pola vida e a significación desta ducia de rianxeiros relevantes para o conxunto do país polas súas ideas, o seu compromiso e a súas obras. Os textos e as imaxes pódense ver e ler aínda que chova, porque están sobre chapas de aluminio protexidas por paneis transparentes. A idea desta exposición e o libro-catálogo que a complementa naceu da necesidade de reunir nunha única iniciativa ós fillos ilustres de Rianxo. «Rianxo -como comentou Xosé Luís Axeitos- é como un resumo de Galicia». Hai outras vilas que poderían reunir a un fato de homes tan relevantes como esta vila da ría de Arousa, como Celanova e Mondoñedo, pero se cadra non coa mesma forza que chegaron a ter os rianxeiros nalgunha época, como nos anos vinte, cando nuclearon o debate sobre a identidade cultural e nacional do galeguismo. A exposición irá de Compostela a Pontevedra e despois ás cinco restantes grandes cidades galegas. Rematará o seu periplo en Madrid e Barcelona.