CONCHA PINO A ENTREVISTA Xavier Queipo, escritor é autor da novela «Papaventos» Di Xavier Queipo (Compostela, 1957) que escribir «é como facer deporte», porque as súas ganancias como escritor saen a dúas pesetas por hora. A producción literaria deste autor, que chega á literatura polo camiño e da man da observación científica, ten publicadas vinte obras, tres delas novelas. A última, baixo o título de «Papaventos», editada por Edicións Xerais, presentouse hai uns días na Facultade de Filoloxía. É a historia dun home que, coma o papaventos, deixase querer e levar.
25 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Trais unha novela histórica de navegantes, O paso do Noroeste, e outra ambientada en Camboia, Malaria sentimental, Xavier Queipo volve levar ó lector a mares lonxanos, California e Chicago. -¿Como é esta novela? -Máis próxima na linguaxe, con menos barroquismo, e na que o único real é a anecdota coa que arranca a historia dun individuo ó que todo lle vai fantástico ata que nunha revisión rutinaria lle din que en seis meses vai quedar cego. E empeza a plantexarse a vida, sentir desposesión e a intentar percibir o mundo sen luz. -Como científico, ¿a literatura é unha escapada? -Dalgunha maneira si. É a busca de novos territorios de liberdade. Pero cando se traballa nun campo concreto e especializado non podes esquecer o pensamento científico, un método analítico distinto ó das humanidades. Trato de buscar a palabra xusta, a descripción precisa. Pero escribo desde os sete anos. -¿Por qué situa as súas novelas lonxe de Galicia? -Hai quen me ten críticado eso, e xente que pensa que son un pedante. Pero o trinta por cento da miña vida vivino fóra e viaxei moito polo traballo. Teño unha vagaxe de experiencias moi ampla e dame unha visión do mundo distinta.