«O paso que queda é inutilizar o aparato»

a. a. redacción / a voz

OCIO@

O acordo entre fabricantes para impulsar a autodestrución do móbil é para Felipe Gil, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática (Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) da Universidade de Vigo, o que queda pendente para inutilizar de verdade o aparato.

-¿Por que pensa que estamos ante un novo paso?

-Sistemas para borrar datos dun xeito remoto e para localizar os terminais perdidos xa os temos dende que hai smartphones. Son técnicas que usan, por exemplo, moitísimas empresas. Pero para os ladróns non é difícil reiniciar un móbil roubado. Falta algo máis. O paso que queda é inutilizar realmente o aparato para disuadir do furto, e iso é o que buscan os fabricantes co seu acordo.

-¿Pensa que será eficaz?

-A idea é que o kill switch poña o teléfono en modo inicial para que non deixe facer nada, pero parece que haberá que esperar ao 2015 para que o incorporen todos os móbiles. Apple, por exemplo, xa ten algo parecido co Activation Lock, e algunha marca máis, tamén.

-¿E se o usuario recupera o teléfono?

-O sistema prevé que, nese caso, o dono poda recuperar o aparato. Será un servizo que active o propio usuario.