A web do obradoiro de gaitas Seivane gaña un premio nacional de artesanía

OCIO@

Conta cun configurador de gaitas.

06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O obradoiro de gaitas Seivane, radicado no municipio coruñés de Cambre, ten acadado numerosos galardóns pola calidade dos seus instrumentos. Pero onte sumou unha distinción máis que premia un traballo moito máis virtual: a súa páxina web. O Ministerio de Industria, Turismo y Comercio convocou os primeiros Premios Nacionais de Artesanía, que distinguiron á páxina www.seivane.es na súa modalidade Innova. A web comezou a funcionar o pasado día 3 de novembro. Non foi a única presenza galega nos galardóns. A revista da Organización dos Artesáns de España, Oficio y arte , editada e impresa enteiramente na Coruña, triunfou na modalidade Promociona. No apartado Produto resultou finalista o obradoiro de xoeiría contemporánea de Oia, en Pontevedra, De la Raspa (www.delaraspa.com). Os premios entregaranse o vindeiro día 19 nun acto na sede do propio ministerio. Configurador Álvaro Seivane, fillo do fundador do obradoiro e actual responsable co seu irmán Xosé Manuel, amosaba onte a súa satisfacción por un premio tan temperá para a web. «É un espazo que coidamos moito porque nos axuda a dar a coñecer o que facemos e a nosa historia», resumiu. «Ademais, contamos co configurador de gaita, que está sendo todo un éxito», engadiu. O configurador ao que se refire Seivane permite ao usuario ir escollendo diferentes opcións para construír un instrumento a medida. A elección dase entre tipos de madeira, elementos sonoros, gravados, fundas e ata a relación coa estatura do músico, que tamén ten a posibilidade de personalizar a gaita. Ao final, unha imaxe dá unha idea do resultado aproximado do instrumento. Por esta vía os Seivane xa recibiron encargos dende o estado norteamericano de Texas ou dende Bélxica. «Non todo o mundo pode vir por aquí e así teñen unha ferramenta que lles permite participar a distancia na súa elaboración», explica. Seivane tamén especifica que xa non son só os fillos de galegos na emigración os que cursan os pedidos dende lonxe, senón que hai moitas persoas interesadas no mundo da gaita galega. A proba é que ata un cidadán ruso se ofreceu a traducir a web ao seu idioma.