Golpe de sorte?

Manuel Vila Falcón

AL SOL

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día de agosto coma hoxe, pero dez anos atrás, foi espertado polas impertinentes badaladas da torre da Berenguela.Se non eran estas, acordábano as da igrexa do convento de San Paio de Antealtares. Unha melodía de sinos nunha contorna de pedra, como se tivesen voz propia. Ese era o prezo de vivir no casco histórico, ao carón da catedral de Santiago de Compostela.

Nalgunhas ocasións pensou en mudarse á aldea, mais sentía un magnetismo especial coa terra das peregrinacións, desde que percorrera o Camiño Francés por primeira vez na procura da espiritualidade. Coa ofrenda final ao Apóstolo, quixo botar raíces na capital.

Ergueuse e preparou un café cargado, logo da hixiene rutineira.Tomouno sen azucre, acompañado dun cigarro acabado de lear, ao tempo que escoitaba na radio as últimas novas sobre os incendios que devastaban o país.

Deseguido, colleu un cartafol que contiña varios currículos e saíu en busca de emprego, como de costume, tan necesitado como desanimado. Con media vida traballando no sector da construción, e de súpeto verse obrigado a reciclarse tras facer os 56, auguraba un futuro laboral complicado.

Evidentemente, tamén había que sumarlle a isto a crise da burbulla inmobiliaria. Pasou de escoller as empresas que mellor beneficio económico lle ofrecían a formar parte da longa lista do paro. Trasladouse ao polígono industrial do Tambre en bus. Cando chegou, comezou a repartir o seu historial de nave en nave.

Ao rematar entrou nun bar, pois considerou que ben merecía unha recompensa. Cumpriu o capricho pedindo un bo albariño. Bebeu un grolo do viño branco que recendía, namentres albiscaba uns boletos de lotaría en fronte del. Pousou a copa na barra e distinguiu o número 14755, cuxas cifras coincidían coa data do seu nacemento.

Considerouno un presaxio alentador e mercou tódolos billetes, convencido de que sería unha solución máis viábel que a dos curriculum vitae distribuídos.

Manuel Vila Falcón. Polifacético43 anos. Santiago de Compostela.